Notas de prensa

As mulleres sitúan a taxa de actividade emprendedora en Galicia no 4,3% malia a pandemia

A taxa de actividade emprendedora en Galicia situouse no 4,3% no ano 2020, segundo recolle o informe GEM Galicia 2020-21, que constata, do mesmo xeito que en anos anteriores, que o impulso emprendedor entre as mulleres (5%) é superior ao da poboación masculina (3,5%). A pandemia provocou un lixeiro parón da actividade emprendedora, ao tempo que salientou a capacidade de resilencia dos emprendedores.

A profesora da USC e directora técnica do equipo GEM Galicia, Isabel Neira, deu conta destes datos este venres na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo no marco da presentación dun estudo elaborado a partir de datos compilados en setembro de 2020 e no que se constata que a pandemia provocada pola COVID-19 diminuíu sensiblemente os ingresos das iniciativas emprendedoras, empeorou as expectativas e aumentou as dificultades para crear unha empresa.

A crise derivada da pandemia provocou un lixeiro parón da actividade emprendedora, sinalou Neira, ao tempo que salientou a capacidade de resilencia dos emprendedores, dado que, segundo o informe executivo GEM Galicia 2020-21, un 7% das persoas con iniciativa emprendedora pretende dar continuidade aos seus proxectos no futuro.

O estudo identifica tamén o perfil da persoa emprendedora en Galicia, cuxa idade media está arredor dos 40 anos. Aumenta tamén a porcentaxe de homes e mulleres con estudos de formación profesional e superiores (o 43% dos emprendedores e o 39% no caso das emprendedoras), ao tempo que a porcentaxe dos emprendedores/as con estudos de posgrao representa xa preto dun terzo (un 28%). O carácter innovador da propostas (19%) e a ambición de poder xerar emprego en plena pandemia (un 15% dos casos) son dúas das características advertidas nun informe que apunta a falta de oportunidades no mercado de traballo como motivación de sete de cada dez iniciativas. As propostas que nacen coa idea de diferenciación pasan do 35% en 2019 ao 21% en 2020, mentres que a tradición familiar continúa como motor do 28% dos casos.

Impacto COVID

O impacto da COVID supuxo para as iniciativas emprendedoras unha importante diminución de ingresos (no 58% dos casos), mais dificultades na creación de empresas e dun xeito mais acusado nas de menos idade (76%), un empeoramento das súas expectativas. Aínda así, o 34% dos propietarios de empresas xa consolidadas ven oportunidades na crise da COVID.

Máis da metade dos emprendedores galegos teñen intención de seguir xerando emprego, e ao redor dun 20% puxo en marcha innovacións en produtos e servizos, o 15% no caso de innovación en procesos. Sen embargo, o medo a fracasar e a percepción de poucas oportunidades para emprender continúan a ser os principais freos a actividade. Malia a estes problemas estruturais, as iniciativas galegas en 2020 continuaron a aumentar o seu nivel tecnolóxico e avanzan no seu grao de internacionalización (pasando do 8% en 2019 ao 15% en 2020).

Representación institucional

A presentación do último informe executivo GEM Galicia congregou este venres na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo unha ampla representación institucional, entre a que cómpre destacar a presenza do director do Igape, Fernando Guldrís; a directora do equipo GEM Galicia, Loreto Fernández; o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata; a tenente de alcaldesa do Concello de Lugo Ana González Abelleira ou o deputado provincial Pablo Rivera Capón, ademais de estudantes e docentes da USC.

O Global Entrepreneurship Monitor (GEM) é un observatorio internacional liderado pola USC e nado ao abeiro dun convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia e a USC, cuxo obxectivo é analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico, como factor determinante para o desenvolvemento e benestar das sociedades nas que ten lugar. En Galicia, o equipo GEM constituíuse en 2005, data desde a que elabora con periodicidade anual un informe sobre a actividade emprendedora na comunidade autónoma a partir de datos recollidos entre a poboación adulta (Adult Population Survey) e de persoas expertas do ecosistema emprendedor (National Experts Survey).

Mesa redonda sobre emprendemento no sector agroalimentario

Unha vez rematada a presentación do último informe GEM Galicia, o decano da Facultade de ADE da USC, Roberto Bande Ramudo, moderou unha mesa redonda sobre emprendemento no sector agroalimentario na que tomaron parte como relatores Sergio Martínez, de Innolact; Noemí Rodríguez, de Himikode, e Inmaculada Rodríguez, en representación de UNIRISCO.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.

Notas

A sexta edición de Ultrafast Science and Technology Spain 2026 botou a andar este mércores 18 na USC. O foro que se estende ata o venres 20 reúne persoal investigador e empresas cuxas áreas de desenvolvemento, innovación e investigación atópanse vinculadas ao ámbito dos láseres ultrarrápidos e ás súas aplicacións na Física, a Química, a Medicina ou a Ciencia dos Materiais.
Conformado por seis estudantes de Belas Artes e unha alumna de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu neste curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva 'Dentro dun espazo maior'. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio 'recanto' dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES