
Así o anunciou o director do CDG, Fran Núñez, na rolda de prensa de presentación do evento. Na súa intervención, salientou a relevancia desta iniciativa como plataforma de encontro para as artes escénicas e para a conexión co que se está a facer noutros territorios. Segundo sinalou, o apoio por parte da unidade teatral da Xunta de Galicia enmárcase na aposta por reforzar a colaboración con todos os axentes da escena galega a prol da innovación e da creación de público.
O Encontro para a formación e a innovación no circo D10! conta co apoio da Xunta de Galicia e está financiado polo Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).
Mi nombre es Hor, Fil e Murmullo
A primeira das exhibicións no Salón Teatro terá lugar o mércores 24, ás 20,00 h., con Mi nombre es Hor, da compañía catalá PSIRC, baseada artisticamente na poética da imaxe que se artella a través das técnicas de circo e os monicreques. Trátase dunha historia inspirada en feitos reais protagonizada por dous artistas de circo, Wanja Kahlert, o alto e forzudo, e Adrià Montaña, o pequeno e áxil.
Na xornada do xoves, á mesma hora, será a quenda da compañía Madame Gaüc, tamén procedente de Cataluña, co espectáculo Fil, que explora as relacións humanas a partir dunha linguaxe universal: a física. Dúas personaxes embarcan nun xogo de tensións entre a realidade e a ficción, a razón e a emoción, para proxectar un imaxinario co que captan a complicidade do público.
O venres ás 19,00 h. chega de Andalucía La Víspera, con Murmullo. Trátase dunha montaxe que convida o público a mergullarse no concepto que lle dá nome, establecendo un diálogo artístico cos intérpretes e os diferentes elementos que compoñen a escena. É unha peza de circo, danza contemporánea, manipulación de monicreques e música en vivo.
Dramaturxia no circo
O obradoiro de dramaturxia Escribir o risco impartirao Jorge Albuerne do 29 de novembro ao 1 de decembro no compostelán Centro Sociocultural do Romaño. A través del practicarase a creación de dispositivos de posta en escena baseados no circo e a súa posterior análise como escrituras escénicas. O CDG vén apoiando a formación en novas dramaturxias no circo desde a primeira edición de D10!, coa participación en anos anteriores de figuras como Roberto Magro, Pau Portabella, Emilio Goyanes, Pepa Gil ou Theodor Román.
Ademais destas propostas, o encontro D10! ofrece a exhibición de danza vertical Vértigo no Centro Galego de Arte Contemporánea o 27 de novembro ás 13,00 horas, ou o obradoiro de malabares expresivos a cargo de Guillaume Martinet, os días 25 e 26 na Cidade da Cultura de Galicia.
Na rolda de prensa na que se anunciaron estas actividades presentouse tamén o programa impulsado polo Concello de Santiago Circo a escena, un circuíto artístico promovido polo INAEM e desenvolvido pola Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública en colaboración cos espazos escénicos asociados.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.