
O proxecto, que rematará en agosto de 2022, conta con financiamento da Comisión Europea, formando parte do programa de Alianzas Estratéxicas Erasmus + para a educación e a formación profesional, e está dirixido a mulleres emprendedoras con proxectos de menos de tres anos de actividade ou mulleres cun proxecto de creación de empresa. Ademais da Universidade de Vigo e da CEO, son socios da iniciativa o Eléo Conseil e a Societè Interfaces, de Francia; a Universitat des Saarlandes, de Alemaña, e a Association des Mompreneurs de Belgique, de Bélxica. A participación de Ourense está liderada, a través do Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da UVigo, pola profesora Elena Rivo.
Apoiar nos comezos e tamén na maduración
En Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!, entre as iniciativas a desenvolver por parte da UVigo e a CEO están un programa de formación sobre emprendemento, titoriais formativos, un taller de creación de negocio propio e a elaboración dun cómic titulado Mulleres en acción. Unha guía para o emprendemento. Entre as actividades do proxecto tamén está a realización de mobilidades que permitan a mulleres empresarias ou que queiran emprender un novo negocio visitar os países socios deste proxecto europeo. No seu marco, desde este luns están en Ourense as emprendedoras Cecilia Paladines (Alemaña) e Sandy Halls e Julie Delhauteur (Bélxica), que este xoves visitaron o campus de Ourense acompañadas, entre outras, por, ademais de Elena Rivo (UVigo) e Victoria Rois (CEO), Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.
Con esta visita culminou unha semana de actividades que levaron ás emprendedoras a coñecer diferentes lugares de interese para elas, tendo en conta as temáticas dos seus proxectos, de Ourense e Allariz e a participar en encontros con formadores e outras emprendedoras. Consideramos que era importante que tamén coñecesen o campus, a vida universitaria e ver posibles colaboracións, comentou Elena Rivo. O espírito do proxecto, lembrou a profesora da UVigo, é promover e apoiar ás mulleres emprendedoras e animar a que cantas máis mulleres saquen adiante os seus proxectos mellor, e ademais con éxito. Así, indicou, a iniciativa pretende no caso dos proxectos que están na súa etapa inicial acompañar ás emprendedoras na materialización desa idea, axudarlles a perder o medo e se están nunha etapa máis avanzada acompañalas tamén a expandir o seu proxecto, por exemplo con estas mobilidades e co establecemento de contactos, redes de apoio e outros aspectos que implican.
Etde5, Fil de Garance la Boutique e Los Paladines
As dúas emprendedoras de Bélxica que participan nesta mobilidade en Ourense desenvolven proxectos no eido téxtil. Sandy Halls ten en marcha Etde5, unha marca ecolóxica de roupa e complementos para nenos, nenas e adultos e obsequios personalizados. Julie Delhauteur é a promotora da empresa Fil de Garance la Boutique, de cursos de costura e actividades relacionadas. De Alemaña participa Cecilia Paladines co seu proxecto Los Paladines, que se basea no uso do teatro para a aprendizaxe do idioma e a integración, especialmente de inmigrantes. A súa idea de empresa naceu da súa experiencia persoal, cando, lembrou, hai máis de 20 anos cheguei de Ecuador a Alemaña cunha maleta moi pequena pero chea de soños moi grandes. Pensaba conquistar o mundo pero atopeime que non logrei nada pola linguaxe, porque o idioma era unha barreira incrible. No seu caso, indicou, aprendeu alemán a través do teatro e a esa experiencia é a base da súa idea de negocio. Na cidade alemá de Saarbrücken e co apoio de entidades como a universidade, o concello e a Cruz Vermella, sinalou, fago proxectos de integración a base de teatro. A xente que traballa comigo aprende o idioma a base de escenas e ven que o alemán tamén é un idioma moi doce, moi enriquecedor e mesmo romántico, comezan a amar o idioma.
Da participación neste proxecto europeo e nesta mobilidade Cecilia Paladines recalcou que a experiencia está a resultarlle enormemente inspiradora e subliñou a importancia de programas como Women Entrepreneurs in Action xa que á hora de emprender, dixo, nalgún momento, cando unha está soa e non sabe para onde ir, para onde coller, necesitamos apoio, xente que nos diga aquí hai unha porta que podes abrir coas túas chaves. Igualmente recalcou a importancia de fomentar e apoiar o emprendemento feminino. No seu caso, lembrou Cecilia Paladines, eu cheguei a Alemaña hai máis de 20 anos, sendo muller, inmigrante, nai solteira... tiña todos os requirimentos para ter éxito, ironicamente falando. Nesta situación, dixo a emprendedora, a min pechábanseme as portas pero eu metíame pola ventá. É unha cuestión de actitude, animando a outras mulleres a loitar para pór en marcha os seus proxectos.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.