Notas de prensa

Os Premios Martín Códax da Música poñen en marcha a súa oitava edición

A organización dos Premios Martín Códax da Música anunciou hoxe a posta en marcha da súa oitava edición, que abre o vindeiro luns día 23 de agosto o período de inscrición de propostas para as 17 categorías musicais convocadas, a través das que se porá o foco nos 51 proxectos que pasen á fase final. Mantéñense respecto da edición de 2000 as 17 categorías musicais, e en cada cada unha delas elixiranse tres propostas finalistas.

A organización dos Premios Martín Códax da Música anunciou hoxe a posta en marcha da súa oitava edición, para a que volve contar co apoio económico da Xunta, entre outras entidades. Esta nova convocatoria abre o vindeiro luns día 23 de agosto o período de inscrición de propostas para as 17 categorías musicais convocadas, a través das que se porá o foco nos 51 proxectos que pasen á fase final.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe no acto de presentación que tivo lugar na Sala Sónar de Santiago de Compostela e no que tamén interviñeron os representantes de Músicas ao Vivo, asociación organizadora, así como do resto de entidades e empresas colaboradoras.

Sutil lembrou que estes galardóns veñen contando desde os seus inicios coa colaboración da Xunta como expresión do compromiso do Goberno autonómico coa música que se fai en Galicia e cos profesionais que forman parte dun “ámbito clave para o conxunto das industrias culturais”. En referencia ao impacto da crise sanitaria na súa actividade, sinalou a importancia de recoñecer publicamente o esforzo de todo o sector musical: “De aí que aplaudamos e apoiemos, tanto económica como institucionalmente, a decisión de Músicas ao Vivo de apostar pola continuidade coa celebración desta oitava edición dos seus premios”, afirmou.

Medidas específicas para o sector musical

O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que a música centra, ademais, unha parte importante das medidas postas en marcha desde o ano pasado a través do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19 posto en marcha pola Xunta de Galicia. Entre elas, destacou a liña extraordinaria de subvencións ao desenvolvemento de programacións musicais no marco do Xacobeo 21-22, os programas Galicia Emerxe ou Directos Xacobeo en Salas, o apoio aos novos formatos dos festivais da marca FEST Galicia, a flexibilización nos criterios de funcionamento da Rede Galega de Música ao Vivo, a ampliación do circuíto Cultura no Camiño ou a adaptación das axudas á distribución musical, á produción fonográfica e a festivais.

A oitava edición dos Premios Martín Códax da Música recoñecerá, así mesmo, este esforzo do sector e, neste sentido, outorgaralles un premio extraordinario ás salas e aos festivais galegos en apoio polas dificultades que atravesan por mor da situación sanitaria. Este galardón conxunto substituirá dúas das modalidades dos Premios Organistrum, que si volven convocarse no caso dos proxectos de comunicación musical.

Gala o 27 de outubro en Pontevedra

Tamén se manteñen respecto da edición de 2000 as 17 categorías musicais. En cada unha delas elixiranse tres propostas finalistas, das que sairán as gañadoras que se darán a coñecer na gala de entrega que terá lugar o 27 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A principios de setembro pecharase o período de inscrición de proxectos, entre os que un xurado profesional seleccionará os finalistas. Xa nunha segunda quenda de votacións, serán os propios socios de Músicas ao Vivo os encargados de decidir os premiados desta oitava edición.

Premios Martín Códax da Música, 2021-08-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES