Notas de prensa

Unha investigación propón metodoloxías para avaliar a sustentabilidade das cidades

Manuel Rama Caamaño desenvolveu na súa tese diferentes metodoloxías que permiten avaliar a sustentabilidade de sistemas urbanos e identificar os principais puntos febles con respecto a un desenvolvemento sostible. A investigación aborda unha cuestión de actualidade polo crecemento exponencial nas últimas décadas da poboación urbana, ata alcanzar o 66 % do global.

Como consecuencia deste crecemento, “as cidades concentran a maior parte das cargas ambientais do planeta derivadas das actividades humanas como a xeración de residuos, a emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) e o consumo de recursos naturais”, explica o autor do traballo.

De acordo con isto, desenvolver metodoloxías que permitan avaliar a sustentabilidade dunha cidade “son cruciais para establecer accións e liñas estratéxicas de cara un futuro sustentable”. Non obstante, existen “diversas discrepancias á hora de definir que é unha cidade sostible ou que tipo de parámetros sociais, económicos e ambientais deben ser considerados para avaliar a sustentabilidade dunha cidade”, sinala o doutor Rama Caamaño.

Para alcanzar o seu obxectivo, aplicou metodoloxías de Análise de Ciclo de Vida e análise Input-Output Ambientalmente Estendida para determinar o perfil ambiental dun sistema urbano. Ademais desenvolveu diferentes metodoloxías para definir e cuantificar de forma máis íntegra a sustentabilidade de varios sistemas urbanos, considerando ademais de información ambiental, indicadores sociais e económicos.

Este traballo, dirixido por Sara González García e Gumersindo Feijoo, permite analizar dende casos específicos como o perfil ambiental do municipio de Madrid, a pegada de carbono de Cádiz ou a incidencia do turismo no desenvolvemento sostible de Santiago de Compostela, ata análises amplas e comparativas aplicadas a un territorio, como a avaliación de sustentabilidade dun grupo de 64 concellos galegos ou de 63 cidades de toda España -incluíndo todas as comunidades autónomas- ou a análise da pegada de carbono de diversas cidades dentro do territorio estatal, como son Bilbao, Madrid, Sevilla e Santiago. A tese desenvolveuse na ETSE no marco do proxecto SENSE financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e FEDER, cuxo obxectivo é avaliar e desenvolver novas metodoloxías para a análise da sustentabilidade de sistemas urbanos en España.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-08-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES