Notas de prensa

Un proxecto europeo busca sacar do illamento ás escolas rurais

Nenos e nenas do CEIP Espiñeira (Aldán), traballando conxuntamente con escolares do val de Aosta italiano ao igual que o fan estudantes da illa croata de Korkula con rapaces dunha aldea de Chipre... O proxecto europeo Green SEEDS ten como obxectivo contrarrestar o risco de illamento das pequenas escolas rurais a través do debate e o traballo conxunto entre profesorado e alumnado de centros situados no rural, en illas ou en montañas de cinco países do sur de Europa.

Financiado polo programa comunitario Erasmus+, este proxecto implica o desenvolvemento de actividades formativas conxuntas entre escolas de España, Italia, Croacia, Grecia e Chipre baseadas no patrimonio natural e cultural das súas contornas. Actividades que deseñan e realizan conxuntamente docentes e escolares de diferentes países e que toman como punto de partida o programa formativo deseñado polo grupo de investigación Cies (Cooperación en Investigación para a Equidade Educativa e Social).

“O proxecto quere facer ver que as escolas rurais ou pequenas poden pasar de ser un problema, polo seu illamento, a ser un recurso, porque son escolas moi vinculadas á súa contorna, que poden axudar a combater o despoboamento, conectando a educación co medio ambiente e facilitando o desenvolvemento da comunidade”, salienta a catedrática Ãngeles Parrilla, coordinadora do grupo responsable da formación dos preto de 60 docentes de diferentes niveis educativos dos cinco países que participan no proxecto. Os módulos deseñados polas investigadoras e investigadores da UVigo, dispoñibles en seis idiomas na web de Green SEEDS, serviron como base para as actividades, centradas en cuestións medio ambientais, que, valéndose de internet, ao longo deste curso desenvolveron por parellas 20 clases de pequenas escolas.

Coordinado pola asociación italiana Glocal Factory, no proxecto Green SEEDS participan ademais da Universidade de Vigo, o instituto croata Vela Luka, a oficina responsable dos centros educativos da rexión italiana do Veneto, o instituto Bosco Chiesanova, a administración educativa da illa grega de Chios e o Synthesis Center for Research and Education chipriota. Segundo sinalan os seus responsables, este proxecto busca promover, a través de internet, a interacción entre docentes e estudantes que, “aínda que xeograficamente distantes, comparten realidades sociais e ambientais moi similares”. Nese senso, Parrilla destaca que o proxecto “pretende converter en recurso un tipo de escolas que soen ser as grandes esquecidas”, co obxectivo final de que toda esta serie de actividades vinculadas ao medio ambiente “poidan levarse ás escolas urbanas”. De feito, as e os participantes desenvolveron neste curso 20 actividades participativas centradas na natureza, biodiversidade e patrimonio forestal e mariño das súas contornas que o vindeiro curso presentarán a nenos e nenas de centros situados en contornas urbanas. “Produciríase así un fluxo de información e formación no sentido contrario ao tradicionalmente asumido, xa que son as escolas rurais, pequenas e ata illadas, as que serven de modelo e exemplo para a mellora das escolas urbanas”, apunta Parrilla.

Formación que parte da diversidade

No marco da súa liña de traballo en materia de diversidade e inclusión educativa, o grupo Cies responsabilizouse da primeira fase dun proxecto que, como lembra a súa coordinadora, implica traballar con “escolas moi heteroxéneas, nas que conviven, ás veces nunha mesma aula, alumnos diversos en idade, orixe, cultura e capacidades, con condicións persoais, sociais e familiares diferentes”. Concretamente, as investigadoras e investigadores da UVigo responsabilizáronse do deseño da formación impartida aos docentes dos diferentes centros, que a covid-19 obrigou a converter en virtual, e que se concretou nun toolkit, conformado por cinco módulos, e unha guía, que buscan facilitar a implantación conxunta dunha serie de unidades didácticas orientadas “á ensinanza en contextos de gran diversidade”, en aulas de diferentes países.

Dispoñibles na web do proxecto co obxectivo de que poidan ser empregadon por outros docentes, estes módulos, integrados cada un por tres unidades didácticas, abordan aspectos como “o papel da escola rural na contorna e como garantir o sentido de pertenza escolar do profesorado e do alumnado”, no primeiro, e as metodoloxías aplicables a centros e aulas caracterizadas pola diversidade, “propoñendo estratexias de personalización e diversificación da ensinanza e a aprendizaxe”, no segundo. O módulo tres afonda na colaboración entre docentes, mentres que outro dos bloques céntrase nas habilidades de comunicación e o quinto reúne unha serie de recursos e ferramentas para o traballo en rede de escolas de diferentes países, como WebQuest, “unha metodoloxía didáctica que supón un proceso de indagación e investigación baseado en recursos online por parte dos nenos e nenas”, que é a base das actividades desenvolvidas polos diferentes centros participantes.

Traballo conxunto de parellas de escolas de distintos países

Tras esta formación, o seguinte fase implicou o “emparellamento” das escolas participantes, como é o caso do CEIP Espiñeira cun colexio do val de Aosta (Italia), para traballar conxuntamente. “Os centros irmandados decidiron conxuntamente, a partir dunha serie de propostas, en que temas relacionados co medio ambiente ían traballar”, explica Parrilla. Deste xeito, as sesións de traballo foron deseñadas conxuntamente polo profesorado das dúas escolas, o que no caso do colexio de Aldán levounos a promover actividades relacionadas cos bosques ou coa presenza de plásticos nos océanos, que nenos e nenas compartiron á súa vez, por videoconferencia, cos escolares italianos.

“Para os nenos e nenas está a ser un proxecto moi enriquecedor e motivador, é unha formación participativa, que lles está dando voz e na que non só conectan e se responsabilizan da súa contorna, senón que fano abríndose a outras culturas e comunidades”, salienta Parrilla, que destaca tamén o positivo desta iniciativa para as e os docentes participantes e para o propio grupo de investigación. De feito, prevé que esta experiencia de cooperación internacional poida dar lugar á súa vez a traballos de investigación que complementen o proxecto. Do mesmo xeito, na actualidade Green SEEDS está traballando nun manifesto que sirva como punto de partida para a creación dunha rede europea de escolas de montaña, illas ou contornas rurais.

Universidade de Vigo, 2021-08-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (coralinda-elefante-elegante.jpg) Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Foi presentadoo o novo festival Sons de Vigo que se celebrará do 27 de marzo ao 4 de abril no Ifevi. Este evento aposta tanto por grandes nomes do panorama nacional como por artistas locais da escena galega. A presentación, celebrada no Paseo das Avenidas, xunto ao monumento a Julio Verne como un dos símbolos de Vigo, contou coa actuación de Castle e Milutxo, músicos locais que ofreceron varios dos seus temas. Sons de Galicia forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo organizados pola Xunta de Galicia, unha iniciativa que impulsa a celebración de grandes citas musicais en Galicia. O ciclo comezará o 27 de marzo con Lingua Urbana, un dos cinco eventos musicais que acollerá o Ifevi dentro desta programación.

Notas

Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación da Primavera Cultural, ofrece o xoves 26 de marzo, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro ‘Medios de comunicación: información ou desinformación na era das fake news'.
A Ãrea de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes. O ciclo arrancará o luns 23 coa proxección, do documental 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES