Notas de prensa

PictoXacobeo, a app que fai máis accesible o Camiño de Santiago

Buscaban unha solución tecnolóxica capaz de mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago e o resultado é PictoXacobeo, unha aplicación para Android deseñada especificamente para facilitar a interacción dos peregrinos do Camiño de Santiago con necesidades comunicativas especiais (trastornos da fala, comprensión lectora e escritora, dificultades da linguaxe, etc.).

Falamos do Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic -o centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo-, un equipo cunha longa traxectoria no desenvolvemento de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles, que desta volta ten contado coa colaboración da Xunta a través dunha achega de case 4.000 euros do programa O teu Xacobeo.

Dispoñible nos seis idiomas máis usados no Camiño

PictoXacobeo é unha solución tecnolóxica de inclusión e participación social que permite seleccionar pictogramas e crear frases, facilitando a comunicación entre os peregrinos. A principal vantaxe desta app é “a posibilidade de que persoas con dificultades para comunicarse poidan facelo sen dificultade nun escenario específico coma é o Camiño de Santiago e, máis concretamente, nos albergues, no locais de restauración, nas tendas e nas igrexas”, salienta Enrique Costa, investigador responsable deste proxecto, quen fai fincapé en que, ademais, ao estar dispoñible nos seis idiomas máis usados no Camiño –español, inglés, francés, alemán, italiano e portugués-, o usuario poder ver a configuración dos pictogramas no seu idioma e, ao mesmo tempo, xerar a mensaxe noutra lingua, de maneira que pode comunicarse sen problema coas persoas locais ou con outros peregrinos/as que falen outro idioma.

“Ata o de agora existían nas tendas de aplicacións móbiles varias apps centradas na comunicación usando pictogramas, pero ningunha centrada no que é a comunicación dos peregrinos, cos diferentes perfís que se poden atopar durante o Camiño”, salienta Costa, principal cabeza visible dun equipo de traballo do que tamén formaron parte Francisco de Arriba, Silvia García Méndez e Francisco Javier González Castaño, investigadores todos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, adscritos a attlanTTic.

A idea de pór en marcha este proxecto xurdiulles coa lectura na prensa dunha nova na que se falaba dun proxecto dunha guía do Camiño de Santiago de lectura fácil con pictogramas, así como de sinalizar todos os albergues públicos con pictogramas, de cara a incrementar a súa accesibilidade. “Pensei entón na idea de que as persoas que precisan do uso de pictogramas non só os viran na guía ou nos albergues, senón que tamén fose posible que se comunicaran con eles ao longo de todo o traxecto”, explica o investigador, ao que engade que ao ver a convocatoria de O Teu Xacobeo decidiron presentar esta idea e “aínda que a convocatoria estaba máis orientada á realización de eventos, tivemos a sorte de que o aceptaran”.

Finalmente, á hora de desenvolver a app, botaron man de toda unha serie de pictogramas propiedade do goberno de Aragón, creados por Sergio Palao para Arasaac, o Centro Aragonés para a Comunicación Aumentativa e Alternativa, que os distribúe baixo licencia Creative Commons e que están creados especificamente para o Camiño de Santiago.

15 apps e 100.000 descargas en dez anos do proxecto Accegal

Con esta xa son máis de quince as apps que levan desenvolto desde o Grupo de Tecnoloxías da Información ao abeiro de Accegal, un proxecto que botou a andar no ano 2011 de xeito coordinado entre este grupo de investigación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela. Tratábase de ofrecerlle ás persoas que teñen algún tipo de discapacidade comunicativa novas alternativas para interaccionar coa contorna, para expresarse e para evitar a súa exclusión social.

“A valoración destes dez anos de traballo é moi positiva, non tanto polo número de descargas ou usuarios, senón polos comentarios de usuarios puntuais que nos fan chegar a través do correo ou cando participamos nalgunhas xornadas, que nos contan como as nosas aplicacións lles axudaron a comunicarse cos seus achegados con necesidades especiais, ou de profesores que nos contan o útiles que lle son as nosas aplicacións para a integración nas súas clases”, salienta Enrique Costa, ao que engade que o número total de descargas destas aplicacións móbiles é de 100.000 e o de instalacións activas sitúase entre as 15.000 e as 20.000.

Universidade de Vigo, 2021-07-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES