Notas de prensa

Antía Pérez Caramés (UDC) e Isidro Dubert (USC) desmontan nun libro o mito do envellecemento demográfico atribuído á inmigración

A profesora de Socioloxía e integrante do Equipo de investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), Antía Pérez Caramés, publica, xunto co Catedrático en Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Isidro Dubert, o libro 'Invasión migratoria y envejecimiento demográfico. Dos mitos contemporáneos' na editorial La Catarata. No libro reúnen unha serie de traballos arredor dos principais debates actuais que teñen un pano de fondo demográfico.

O conxunto de achegas pretende interrogar criticamente o tratamento mediático e académico de dous mitos estreitamente relacionados entre si: que o crecente rexeitamento das mulleres a ser nais desembocou nun irremediable envellecemento da poboación e que, para poñerlle freo, os gobernos permitiron unha invasión descontrolada de inmigrantes que altera as “naturais” condicións de vida da poboación local.

Fronte a isto, os autores deste libro defenden que “a demografía debe recuperar o espazo ocupado polos medios de comunicación, os políticos, tertulianos e demais afeccionados ao tema. Só así poderá establecerse unha guía científica e dar unha explicación coherente aos retos que hoxe supoñen estes acontecementos demográficos”.

“A análise do sucedido en diversos países e rexións europeas, cunha especial atención a Galicia, laboratorio de moitas das actuais políticas demográficas e familiares españolas, desvela o que se oculta tras da hostilidade que os populismos amosan cara a inmigración, a responsabilidade que as malas condicións económicas tiveron e teñen sobre a baixa natalidade ou a ineficacia das políticas natalistas e familistas ensaiadas polos distintos gobernos para remediala; unhas políticas que, ademais, esconden problemas estruturais, como o desemprego ou a precariedade laboral, os cales, de non resolverse, seguirán alentando a baixa natalidade, a emigración, o envellecemento e os medos da poboación local”, conclúen os investigadores.

Universidade da Coruña, 2021-07-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES