Notas de prensa

Nace 'Rede Xacobea', a base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos do Camiño de Santiago

A base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos do Camiño de Santiago 'Rede Xacobea' é unha ferramenta de investigación que alberga datos actualizados dos investigadores vivos, institucións, actividades académicas e revistas dedicadas ao estudo do mundo xacobeo e as peregrinacións.

Deseñada e recompilada por Paula Pita Galán, é froito dos proxectos de investigación financiados ao abeiro da Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da USC.

O principal obxectivo de ‘Rede Xacobea’ é fomentar o contacto, traballo e adquisición de recursos científicos e didácticos para investigadores, divulgadores e docentes co propósito de facilitar a comunicación entre os axentes que de maneira independente están a desenvolver estudos xacobeos. “Deste xeito, preténdese consolidar a creación dunha rede xacobea mundial a partir da cal crear sinerxías e revitalizar os estudos sobre o Camiño de Santiago, incentivando a organización de actividades académicas, proxectos de investigación, congresos e encontros internacionais, impulsar publicacións científicas e de divulgación, así como mellorar a actividade docente”, apuntan dende esta cátedra institucional da USC.

“Dende a súa publicación en xaneiro de 2021 na web da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, ‘Rede Xacobea’ converteuse nun referente tanto para investigadores como para particulares e empresas interesadas no Camiño de Santiago”, explica o director da Cátedra, Miguel Taín. Este mes de xullo foi renovada con novos datos sobre centros de investigación, investigadores e revistas do eido xacobeo.

‘Rede Xacobea’ aspira a ser unha ferramenta viva e aberta. Por iso, todos os actores involucrados nos estudos xacobeos están convidados a participar no seu bo funcionamento achegando datos actualizados acerca da información recompilada, ou solicitando a inclusión de novas entradas a través do correo electrónico [email protected]

Paula Pita Galán, creadora de ‘Rede Xacobea’, é doutora en Historia da arte pola USC, con mención internacional e Premio Extraordinario de Doutoramento. O seu principal campo de investigación oriéntase cara á arquitectura e o urbanismo da Idade Moderna pero durante anos desenvolveu tarefas de formación e divulgación relacionadas co Camiño de Santiago. Dende 2007 é secretaria do curso de verán da USC ‘Leccións Xacobeas Internacionais’ e dende 2008 colabora como docente en Cursos Internacionais da USC, participando de maneira asidua nos cursos de español e camiño de Santiago. Formou parte de varios proxectos de investigación e en 2020 recibiu unha bolsa Ruth Lee Kennedy da Fundación Fulbright para estudar a figura da historiadora da arte e peregrina americana Georgiana Goddard King.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-07-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES