Notas de prensa

Faranse test de antíxenos a participantes e monitores dos campamentos de verán

A conselleira de Política Social, Fabiola García, supervisou os preparativos da campaña de verán no albergue xuvenil Marina Española, onde van comezar a chegar os primeiros participantes. Durante a visita anunciou que a Xunta reforzará o protocolo de seguridade xa aplicado o ano pasado coa realización dunha proba de antíxenos gratuíta para participantes e monitores antes do inicio dos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado.

Baixo o lema "O verán que mereces", a programación estival deseñada pola Xunta ofrecerá desde xullo e ata setembro unha oferta de ocio seguro, na que se manterán o resto de medidas de protección aplicadas durante a pasada edición, como a redución do aforo, o incremento do número de monitores, o reforzo das medidas de desinfección e limpeza ou a adaptación das actividades ás normas hixiénico-sanitarias.

A conselleira lembrou, neste sentido, que durante o ano pasado Galicia foi das poucas Comunidades que mantivo a campaña de verán e logrou que se desenvolvera sen incidentes xa que non se rexistrou ningún caso positivo. "Isto levounos a incrementar a oferta de prazas durante este ano en máis de 1000, ata chegar a un total de 7.800 prazas", resaltou.

Conciliación, ocio seguro e emprego

Fabiola García sinalou, ademais, que as familias galegas volveron confiar este ano na campaña de verán do Goberno galego, xa que o 98% das prazas ofertadas nos campamentos xa foron adxudicadas. Así, apuntou que os campamentos ofrecen ás nais e pais a posibilidade de conciliar durante o verán; ás nenas e nenos axúdanlles a seguir aprendendo; e ademais, permite xerar emprego nun sector como o do tempo libre.

Xunta de Galicia, 2021-06-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

A sexta edición de Ultrafast Science and Technology Spain 2026 botou a andar este mércores 18 na USC. O foro que se estende ata o venres 20 reúne persoal investigador e empresas cuxas áreas de desenvolvemento, innovación e investigación atópanse vinculadas ao ámbito dos láseres ultrarrápidos e ás súas aplicacións na Física, a Química, a Medicina ou a Ciencia dos Materiais.
Conformado por seis estudantes de Belas Artes e unha alumna de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu neste curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva 'Dentro dun espazo maior'. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio 'recanto' dentro deste espazo da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES