Notas de prensa

Vigo, epicentro da investigación de vangarda en tecnoloxía mariña

Compartir información e puntos de vista sobre a investigación de vangarda nos diferentes eidos da tecnoloxía mariña. Ese é o obxectivo co que arrancou este mércores o 9th International Workshop on Marine Technology, MARTECH 2021, un encontro virtual organizado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo e a Universitat Politécnica de Catalunya no que durante tres días máis de 60 investigadoras e investigadores abordarán aspectos fundamentais no futuro da tecnoloxía mariña.

“É clave facilitar unha maior cooperación entre as organizacións europeas de ciencias do mar para desenvolver unha visión común sobre as prioridades estratéxicas de investigación mariña. Só así poderemos pechar a fenda entre ciencia e política e afrontar os retos e oportunidades futuros das ciencias mariñas”, salientou a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, durante o acto inaugural. Rubio quixo agradecer o “arduo traballo do comité organizador, cuxa determinación fixo posible este encontro. Estou segura de que estes días darán moitas oportunidades para facer contactos e avanzar no pensamento azul”. Pola súa banda, o vicerreitor de Investigación da Universitat Politécnica de Catalunya, Jordi Llorca, tamén quixo salientar a importancia deste foro internacional e “poñer especial énfase no traballo que se está a desenvolver en todos os campos da tecnoloxía mariña”.

55 relatorios en nove sesións

Ata este venres 18 xuño, MARTECH 2021 acollerá un total de 55 relatorios e comunicacións agrupadas en nove sesións, “nove puntos de encontro onde diferentes profesionais das tecnoloxías mariñas compartirán a súa experiencia, coñecemento, datos e información sobre as capacidades da nosa comunidade científica”, destacou o director do Campus do Mar, Daniel Rey. Un workshop especialmente pertinente no ano no que comeza a chamada Década dos Océanos, impulsada polas Nacións Unidas baixo o lema ‘A ciencia que necesitamos para os océanos que queremos’ e que parte “da premisa de que o investimento global en investigación en ciencias mariñas é insuficiente para promover os avances científicos necesarios para apoiar a xestión sostible dos océanos e un maior e máis eficiente fluxo de información entre todas as partes”.

O acto inaugural tamén contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación, GAIN, Patricia Argerey, quen destacou “as ciencias do mar como un sector prioritario e cun peso moi importante na nosa economía”. “O mar é un sector absolutamente estratéxico para Galicia e, agora, en pleno proceso de actualización na nosa estratexia de especialización intelixente, estamos convencidos de que terá un peso especial na vindeira década. Este congreso non pode ser máis oportuno, porque reafirma a importancia e o futuro do sector e dá a oportunidade a todos os axentes implicados para que poidan participar e achegar o seu gran de area a ese desenvolvemento e esa vangarda”, recalcou.

O workshop conta con poñentes de gran relevancia, como Juanjo Dañobeitia, director xeral de EMSO ERIC, que na conferencia inaugural do MARTECH 2021 presentou os seus puntos de vista sobre o presente e o futuro da tecnoloxía mariña para a observación do océano profundo; João Sousa, do LSTS-FEUP de Portugal, que centra a súa investigación nos vehículos autónomos submarinos; ou de Lucía Santiago, da Universidade da Coruña, especializada no comportamento dos barcos, o monitoraxe da estabilidade en tempo real ou os sistemas de guía de estabilidade.

Universidade de Vigo, 2021-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES