Notas de prensa

O ILG pon en marcha a plataforma Lingua Viva, un espazo no que reunir as doazóns lingüísticas dos galegofalantes

O proxecto Lingua Viva, coordinado dende o Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC pola profesora Elisa Fernández Rey, pretende poñer en marcha unha plataforma que permita recoller o patrimonio lingüístico galego mediante un método colaborativo coa cidadanía, en virtude do cal, todos os cidadáns poidan achegar o seu coñecemento lingüístico. 'O noso propósito é crear un espazo que reúna as doazóns lingüísticas dos falantes do galego vivo', apunta a profesora Fernández Rey.

Esta plataforma en liña que conta co apoio do programa de micromecenado da USC Sumo Valor, incorporará distintas vías para levar a cabo a recollida do legado lingüístico, que pode ir dende a doazón de palabras e expresións, ata o envío de audios ou vídeos, conversas de whatsapp ou a participación en experimentos de produción ou percepción lingüística.

“A xente, por exemplo, pode achegar as distintas expresións que emprega para amosar enfado, xa sexa a través dunha gravación ou texto escrito, e con todo ese material, obtense unha representación gráfica na que se reflicten as diversas expresións que se usan segundo a idade ou o sexo”, explican os investigadores do ILG. “A idea é que a cidadanía achegue información, pero que tamén poida comprobar como a fala cambia segundo distintos parámetros. As linguas están vivas porque están en continuo movemento e cambio e, precisamente, iso é o que as converte en instrumentos tan eficaces para que nos entendamos e nos comuniquemos”, apunta a profesora Fernández Rey. Por outro lado, engade, “o recurso ofrecerá visualizacións dos datos que se vaian achegando, co fin de que as persoas que doan coñecemento lingüístico teñan un retorno e poidan ver como a súa doazón contribúe e enriquece a presentación dos datos en gráficos, mapas ou outros métodos de visualización”.

Tomar conciencia da riqueza

A finalidade do proxecto Lingua Viva é conformar un corpus amplo que represente de maneira adecuada a variedade do galego vivo en todas as súas expresións, contribuíndo a que a xente tome conciencia da riqueza que supoñen as linguas e que se recoñeza o valor que representa unha lingua viva. Ademais, a partir dos datos recollidos, poderanse realizar investigacións nos campos lingüístico, sociolingüístico, ou da análise do discurso, entre outros, facendo visible e poñendo en valor o patrimonio lingüístico do galego actual.

“O noso principal obxectivo non é tanto salvagardar aspectos da lingua que se van perdendo senón resaltar a capacidade de comunicación e expresión da lingua que creamos e conformamos cada día cando falamos. A idea é que a xente vexa a lingua como algo vivo e que se recoñeza nalgún dos xeitos que temos de falar en Galicia. Trátase de que nos acheguemos a como a xente realmente fala”, salientan dende o ILG.

Elisa Fernández Rey pon o foco en que “a investigación no eido da comunicación en xeral e da lingüística en particular ten cada vez máis importancia nun mundo no que se comunica tanto a través de medios distintos, usando moitas veces tecnoloxías que están en continua mudanza. Movemos grandes volumes de información usando a lingua, de xeito que estas investigacións pódennos axudar a xestionar mellor a información e a aprender máis de como nos comunicamos para entendernos mellor”.

Sumo Valor

Este proxecto conta co apoio do programa de micromecenado Sumo Valor, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, co respaldo do Consello Social da USC. Unha das liñas deste programa céntrase no apoio a actividades de investigación, facendo así partícipe á sociedade en proxectos científicos propios da USC enfocados á procura dun desenvolvemento sustentable mediante accións innovadoras e de clara vontade social. Empresas e particulares poden colaborar con estas investigacións mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.

Nesta liña, a profesora Fernández Rey salienta que “é fundamental que os cidadáns se animen a participar tamén nas investigacións de carácter lingüístico a través de pequenas doazóns económicas porque a lingua é de todos, é un ben que nos pertence a todos por igual e os resultados destes proxectos representan un beneficio para o conxunto da sociedade”.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-05-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES