Notas de prensa

As universidades galegas avaliarán o impacto da covid-19 na violencia de xénero e na traxectoria investigadora das mulleres

Desde 2013, as oficinas de igualdade de xénero das universidades galegas traballan conxuntamente na organización da Xornada Universitaria Galega en Xénero, un punto de encontro e reflexión para o persoal docente e investigador que traballa con perspectiva de xénero. A sétima edición, que se celebrará entre os días 10 e 11 de xuño de xeito virtual, centrarase en visibilizar o impacto da actual crise sanitaria

Tamén se tratarán as crises social e económica derivadas da pandemia da covid-19, en dous eidos principalmente: a violencia de xénero e a traxectoria investigadora das mulleres. Paralelamente tamén se analizará a importancia de apostar por unha docencia universitaria con perspectiva de xénero.

Dende a organización agardan contar, como en edicións anteriores, con preto de 100 asistentes e arredor de 40-50 poñentes, aínda que barallan que ao optarse por un formato virtual estas cifras se poidan ver incrementadas. O prazo de presentación de propostas de comunicacións está aberto ata o 30 de abril.

Unha oportunidade para incorporar a mirada feminista ao coñecemento científico

Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, como unha das responsables da organización, convida “a todas as nosas académicas e académicos a presentar os seus traballos de investigación neste ámbito. É unha marabillosa oportunidade para seguir incorporando a mirada feminista ao noso coñecemento e saber científico, e así impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de calidade académica, intercambiar experiencias entre o persoal docente e investigador que xa integre a perspectiva de xénero na súa práctica docente e/ou investigadora e quen teña interese en incorporala, potenciar experiencias innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixe de traballo e promover a creación de redes de colaboración multidisciplinares para integrar a perspectiva de xénero na actividade universitaria”. Todos os traballos presentados e defendido recolleranse nunha publicación que disporá de ISBN.

O impacto da pandemia na violencia de xénero

Dada a excepcionalidade da situación actual, a pandemia non só obrigará a realizar as xornadas en modalidade virtual, senón que a covid-19 tamén será un fío condutor das temáticas. Así, un dos eixos centrais será a análise do impacto da pandemia na violencia de xénero. Segundo avanza Águeda Gómez, “a violencia de xénero e a súa inhumana crueldade non cesou durante a pandemia” con 43 asasinatos de mulleres e catro asasinatos dos fillos e fillas dalgunhas destas mulleres a mans das súas parellas ou exparellas ou pais en 2020. En 2021, son xa sete as mulleres asasinadas, ás que hai que engadir a filla dunha delas. A directora da Unidade de Igualdade agarda que este encontro “sirva para expoñer o traballo de investigación e análise das investigadoras neste senso e que permita reflexionar sobre por que este grave problema durante a covid-19 non cesou en ningún momento, pese á vulnerabilidade vital e o impacto social da mesma, que podería ter sido unha oportunidade para unha reflexión colectiva que, dalgún xeito, nos humanizara e nos fixera máis solidarios e solidarias entre todas nós”.

Neste sentido, resalta que unha de cada tres mulleres sufriu acoso na rúa durante a pandemia en 14 países, segundo un estudo da consultora Ipsos e engade que haberá que esperar a outros estudos sobre este tema como o que están a desenvolver as profesoras do campus de Ourense María Lameiras e Yolanda Rodríguez. Tamén apunta que a demanda de prostitución tampouco cesou, “outra das formas máis extremas de violencia contra as mulleres, pese ao risco para a saúde e a vida”. Ademais, as xornadas tamén servirán para confirmar a sospeita de que a violencia machista dixital tamén se incrementou nos períodos de confinamento e semiconfinamento que nos obrigou a estar máis recluídos nas nosas casas”.

Os efectos da pandemia na traxectoria de investigación da mulleres

Outro dos temas principais que se abordarán nesta xornada é o impacto que a pandemia tivo na carreira investigadora das mulleres. Águeda Gómez remarca que a fenda de coidados foi máis que evidente nestes meses de confinamentos e teletraballo, “o que ocasionou unha sobrecarga de responsabilidades e tarefas nas mulleres que tiveron que sacrificar as súas horas de descanso, a súa saúde e o seu tempo propio en aras de poder compaxinar o traballo de coidado, reprodutivo e o traballo asalariado”. En concreto, nestas xornada abordarase o impacto no caso concreto das mulleres investigadoras, un feito que segundo Gómez “se vai notar a medio prazo, pois en moitos casos o confinamento (máis durante os primeiros meses) supuxo un parón significativo na súa produción científica que finalmente se traducirá en menos remuneración e peores condicións laborais”. Na súa opinión, isto vai provocar o aumento da fenda salarial “que xa existe entre mulleres e homes na academia, que estimamos que aumentará moi considerablemente nos próximos anos”.

Universidade de Vigo, 2021-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES