
Deste xeito, unha investigación sobre o dobre papel de Galicia como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas, así como unha análise do sector agrario e agroalimentario galego nas últimas décadas, foron os traballos recoñecidos ex aequo na modalidade dirixida a artigos científicos.No apartado destinado a teses de doutoramento, recoñeceuse un traballo sobre a moto-mecanización da agricultura en Galicia.
O reitor Antonio López manifestou o compromiso da USC no mantemento destes galardóns que poñen en valor a investigación transversal que toma como referencia a Galicia e que pretende ser transferible nos planos económico ou político. Deste xeito, o coñecemento ponse á disposición da sociedade de tal xeito que a toma de decisións poda realizarse con rigor e de modo fundamentado. Antonio López tamén destacou a implicación do IDEGA, instituto chamado a seguir ocupando un papel esencial na investigación e a ser peza clave nos estudos socioeconómicos. Nun momento de redefinición das estruturas de investigación, o IDEGA desenvolve un rol capital neste ámbito. Pola súa banda, o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández Fernández, puxo o foco en que esta iniciativa, froito da colaboración entre institucións, recolle un dos fins do Consello, aquel que apunta cara a colaboración coas universidades galegas; alén de recoñecer a creación e a contribución do coñecemento científico na Comunidade Autónoma para a toma de decisións no ámbito social e económico. Neste senso ademais salientou os tres temas premiados pola súa relevancia para a economía galega. Finalmente, a directora do IDEGA, María Dolores Riveiro García, foi a encargada de dar conta da acta do xurado.
Artigos científicos
Edelmiro López Iglesias aborda, nun dos artigos premiados, as profundas mudanzas que o sector agrario e o complexo agroalimentario galego tiveron que afrontar nos últimos 30 anos. Pola súa parte, o artigo asinado polos investigadores da USC María Luísa Chas Amil e Xoán R. Doldán García, xunto a Pablo Piñero, David Pérez Neira e Juan Infante, defende que unha rexión, como Galicia, pode desempeñar un dobre papel como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas. A publicación demostra que Galicia é importador neto de recursos naturais procedentes de economías de renda media e baixa e que, canto máis baixos son os ingresos do socio comercial, máis intensas son as importacións de materias primas. Porén, este déficit é menos acentuado que no resto de España. Asemade, Galicia é unha fonte, é dicir, exportador neto de materias primas en comparación con economías máis prósperas da Unión Europea e, incluso para algúns socios comerciais chave, como Alemaña, Reino Unido e o resto de España, é un importador neto de valor engadido. Pola súa parte, en ambos os dous artigos, o xurado valorou a relevancia do obxecto de estudo, así como o rigor e a exhaustividade das análises realizadas.
Teses de doutoramento
Na modalidade dirixida a recoñecer teses de doutoramento, o galardón recaeu na investigación A Moto-mecanización da Agricultura en Galiza (1939-2000). Políticas de innovación, mercados e comunidades labregas de Bruno Esperante Paramos, baixo a dirección de Lourenzo Fernández Prieto e Daniel Lanero Táboas. No seu ditame, o xurado salientou o carácter novidoso desta investigación. Esta tese analiza a introdución de tractores nas agriculturas familiares en Galicia entre 1939 e o ano 2000.
Xurado
O xurado do certame estivo composto polo reitor Antonio López, o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; o director do IDEGA, Alberto Meixide; Xoán Carmona, en representación do Consello Científico do IDEGA; Fernando González Laxe e Xosé Henrique Vázquez Vicente. A sétima edición deste galardón premia aqueles traballos que favorezan o mellor coñecemento da realidade económica e social galega e o establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.