Notas de prensa

Políticas e xornalistas, as mulleres máis insultadas en Twitter

'Twitter revélase como un territorio hostil para as mulleres, con especial incidencia naqueles ámbitos de maior proxección pública, como a política e a comunicación, que cumpren unha función esencial nas sociedades democráticas'. Esta é unha das principais conclusións do proxecto 'Mulleres pontevedresas na rede. Análise do sexismo, misoxinia e discurso do odio en Twitter', que Xabier Martínez Rolán e Teresa Piñeiro levaron a cabo.

O estudo, seleccionado na convocatoria de investigación da cátedra que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, baseouse na análise das publicacións realizadas ao longo dun ano por 50 mulleres de “recoñecido prestixio na esfera pública”, 22 delas vinculadas á provincia de Pontevedra, así como das interaccións cos seus perfís dos usuarios e usuarias desta rede social. En total, Rolán e Piñeiro analizaron máis de 550.000 chíos, entre os que detectaron 62.560 que contiñan insultos e comentarios ofensivos, a meirande parte, o 96%, dirixidos a políticas e xornalistas.

“Este estudo nace da crecente preocupación polo discurso do odio e sexismo que atopamos día a dia na internet”, sinalan os investigadores no póster no que presentan as conclusións dun proxecto que se completou coa creación dunha páxina web e unha serie de podcast nos que analizan os resultados da investigación. “A diario, as usuarias de internet teñen que facer fronte a diferentes actitudes e situacións violentas só polo feito de ser mulleres”, salientan Rolán e Piñeiro, que seleccionaron para este traballo os perfís de 50 mulleres dos ámbitos da política, a comunicación, a cultura, os deportes, a ciencia e o mundo empresarial. A análise abrangueu as 41.103 publicacións propias realizadas ao longo dun ano por estas 50 profesionais e as 302.790 interaccións que se produciron cos seus perfís, así como outras 208.797 “mencións indirectas”, chíos que as nomeaban sen citar a súa conta nesta rede social.

“Os resultados son como para preocuparnos como sociedade supostamente avanzada”, salienta Martínez Rolán do detectado nesta “análise do contido da conversa social 2.0”, co propósito de estudar diferentes manifestacións de sexismo, misoxinia e discurso do odio. Nese senso, as conclusións deste estudo alertan do “sexismo imperante nos social media”, así como da “normalización do discurso do odio” nas redes sociais.

Máis insultos directos que indirectos

O proxecto comprendeu, en primeiro termo, unha “análise de contidos automática, seguindo unha serie de palabras que nos permitiron analizar o alcance do discurso do odio verbal en Twitter”. Nela, detectáronse 62.560 publicacións que contiñan insultos, presentes no 15% das interaccións directas cos diferentes perfís e no 10% das mencións indirectas. Termos como ‘feminazi’, ‘falsa’, ‘analfabeta’, ‘cerda’ e ‘asquerosa’ figuraban entre os insultos máis frecuentes, dos que o 13% tiñan unha compoñente sexista e o 96% ían dirixidos ás representantes dos ámbitos da política e da comunicación, nunha “especie de intento de atacar as mulleres que teñen a capacidade de contarnos historias e presentarnos perspectivas diferentes”, salienta Piñeiro, que pon tamén o acento na “sensación de impunidade” que se produce entre os usuarios e usuarias das redes sociais. “Na vida real non virtual, non insultas a alguén directamente, pero, sen embargo, isto si se dá en internet”, engade Rolán.

A maioría das alusións teñen carácter negativo

O proxecto abrangueu tamén “unha medición de sentimento e análise do discurso” de acordo coas categorías establecidas na pirámide do odio da Anti-Defamation League, que agrupa os comportamentos prexuízosos en diferentes categorías. Esta análise levouse a cabo cunha “submostra” composta por 666 chíos, todos eles mencións directas. Desta serie de mensaxes só o 15% foron cualificadas como “positivas” polos investigadores, mentres que nun 61% dos casos recibiron a consideración de negativas. Destas, o 33% ían dirixidas ás propias mulleres ás que aludían, mentres que o 66% centrábanse no colectivo que representan, implicando “un ataque á profesión”, como apunta Rolán. O 35% destas mensaxes poderían encadrarse así mesmo dentro do chamado “discurso do odio”, a maior parte delas, o 60%, enmarcadas na categoría situada na base da pirámide da Anti-Defamation League, aquela que recolle “actitudes prexuízosas, como comentarios insensibles ou bromas ferintes”. O 40% restante situaríase no seguinte chanzo, que se corresponde “cos actos prexuízosos, que serían xa insultos máis directos, alcumes e intentos de ridiculización”, sinala Piñeiro, que explica que os seguintes niveis da pirámide implicarían tamén “ataques físicos ou cibernéticos que non podemos ver xa neste estudo”. Así mesmo, a análise permitiu constatar tamén como o 6% destas mensaxes presentaban características misóxinas e un 2% encadraríanse no chamado “sexismo benevolente”.

Universidade de Vigo, 2021-03-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.

Notas

A sexta edición de Ultrafast Science and Technology Spain 2026 botou a andar este mércores 18 na USC. O foro que se estende ata o venres 20 reúne persoal investigador e empresas cuxas áreas de desenvolvemento, innovación e investigación atópanse vinculadas ao ámbito dos láseres ultrarrápidos e ás súas aplicacións na Física, a Química, a Medicina ou a Ciencia dos Materiais.
Conformado por seis estudantes de Belas Artes e unha alumna de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu neste curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva 'Dentro dun espazo maior'. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio 'recanto' dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES