
Así, tomando como referencia os valores medios das estacións máis representativas durante o período 1981-2010, entre os meses de xaneiro e decembro a temperatura media no conxunto da comunidade situouse en 14,58 ºC, é dicir, case un grao por riba do valor climático previsto.
A temperatura máxima media foi tamén moi cálida, cunha anomalía positiva de 0,9 ºC, mentres que o rexistro máis extremo foi o das mínimas, extremadamente cálidas ao quedar 1,1 ºC por riba do agardado.
Estes datos permiten situar o ano 2020 nun lugar destacado dentro da serie histórica de referencia, xa que rexistrou a segunda temperatura media máis alta das últimas cinco décadas, só por detrás da de 1997 aínda que cun valor moi similar.
Se se analiza o comportamento climatolóxico do exercicio mes a mes, o informe subliña as anomalías positivas rexistradas nas temperaturas durante febreiro, xullo e, sobre todo, maio, o único mes de todo o ano caracterizado como extremadamente cálido.
A explicación a este comportamento atípico de maio débese a un predomino das condicións anticiclónicas, tanto en superficie como en altura, e polo tanto, moita estabilidade, sobre todo na segunda quincena do mes. Así, o período resultou extremadamente cálido na comunidade considerando tanto os valores que se acadaron respecto da temperatura media, como das máximas e das mínimas.
No caso de xullo, os valores máis altos de temperatura concentráronse sobre todo ao sur de Galicia, onde houbo moitas xornadas con avisos por temperaturas extremas; e en canto a febreiro, cunha anomalía térmica moi similar á de 1990, a razón de que fora extremadamente cálido respecto da temperatura media foi o predominio de situacións anticiclónicas que bloquearon a influencia das borrascas do norte. Ademais, tanto ao comezo como ao final do mes, Galicia viuse afectada pola entrada de aire cálido procedente do sur da Península Ibérica e do norte de África.
Un 5% menos de precipitacións do agardado
Polo que respecta á chuvia, o ano pasado foi en xeral seco. A precipitación media acumulada no conxunto de Galicia para a serie rexional situouse nos 1237 L/m2, un dato que permite caracterizar 2020 como lixeiramente seco.
A desviación respecto ao valor medio rexistrado no período 1981-2010 foi un 5% inferior ao normal, atopándose o precedente máis seco no ano 2017, polo que 2020 non destaca especialmente polo seu déficit hídrico nin ocupa un lugar destacado neste sentido dentro da serie histórica de referencia.
A análise mensual deste período, en todo caso, revela comportamentos bastante distintos ao longo do ano. Deste xeito, as anomalías máis salientables en canto ás precipitacións concentráronse no verán e na recta final de 2020.
Concretamente, agosto foi un mes moi chuvioso debido ás numerosas frontes activas e borrascas procedentes do Atlántico que chegaron a Galicia a partir do día 10. Así mesmo, o ano rematou cun decembro tamén moi húmido no que predominaron as baixas presións e se sucederon unha serie de borrascas importantes que deixaron ao seu paso cantidades moi elevadas de precipitacións, ata o punto de que en moitas rexións da comunidade mesmo se dobraron os valores de chuvia normais para esta época do ano.
No extremo contrario, xullo foi un mes extremadamente seco en comparación co período de referencia, maio caracterizouse por ser un período moi seco e febreiro e novembro, foron meses secos atendendo á anomalía das precipitacións rexistradas.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.