Notas de prensa

'Voilà la Femme' reúne seis reflexións sobre cuestións de xénero forxadas en Belas Artes

Achegarse “á arte de seis mulleres, que desde múltiples linguaxes” formulan nos seus proxectos unha reflexión “en torno a cuestións sociais e de xénero diversas”. Isto é, segundo destaca a súa comisaria, Celeste Garrido, o que propón a XXVII edición da exposición colectiva Voilà la Femme, que desde este martes pode visitarse na sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín.

Seis alumnas e egresadas, Beatriz Fernandes, Lucía Otero, Tamara Vázquez, Uxía Pérez, Ana Sánchez e Cristina Chiarroni, son as protagonistas desta mostra, inicialmente programada para o pasado mes de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, e que a covid-19 obrigou a adiar.

A situación sanitaria, de feito, motivou tamén que na tarde deste luns Voilà la Femme vivise unha “inauguración inusual”, como recoñece Garrido, unha artista tamén formada na facultade e colaboradora do grupo de investigación ES2. Artistas, comisaria e representantes do Ateneo e do Concello de Marín participaron na apertura sen público desta exposición colectiva, que reúne pezas en vídeo, instalacións, traballos de fotografía e ilustracións e que poderá visitarse ata o 31 de xaneiro .

Impulsada na década de 1990 polo catedrático de Belas Artes Antón Castro e o artista Antón Sobral, a exposición á que deu nome a tamén catedrática desta facultade e codirectora do grupo ES2, Yolanda Herranz, naceu co obxectivo de dar visibilidade á “moi descompensada relación” entre o número de alumnas que se formaban na facultade e “a presenza das artistas mulleres nas exposicións colectivas”, como explica Garrido. Preto de tres décadas despois, apunta, “máis de 200 artistas”, boa parte delas formadas na facultade, teñen protagonizado as diferentes edicións dunha mostra colectiva que, como destaca a súa coordinadora, converteuse na exposición de mulleres artistas “con maior percorrido” de España.

Seis reflexións a través de diferentes disciplinas

Entre as propostas seleccionadas para esta mostra colectiva figuran pezas como El silencio [ya] no existe, da graduada en Belas Artes e alumna do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Bea Fernandes, unha peza que forma parte dun proxecto audiovisual, 3652, que presenta como “un atorretrato a través da viaxe no tempo da memoria, os recordos e o espazo que estes habitan”, sustentado en dúas experiencias vitais da propia artista, a relación coa súa nai e o padecemento dunha enfermidade. Tamén egresada da facultade e alumna do Máster en Dirección de Arte en Publicidade, Lucía Otero suma a esta mostra O espazo do fogar, un conxunto de fotografías que retratan “a realidade máis próxima; a familia e a súa contorna, os obxectos e espazos, o baleiro...”, coas que busca achegar unha visión “non costumista” do rural, “que poida contribuír á ruptura de estereotipos”.

O cotián e o doméstico, xunto coa intimidade, o corpo e a memoria, son os eixos das creacións ás que a graduada Cristina Chiarroni deu forma a partires das lembranzas da súa casa natal e que presenta nunha exposición na que a tamén egresada Tamara Vázquez reflexiona sobre “a vida cotiá das mulleres da limpeza”, nunha obra que parte da súa propia experiencia como filla dunha destas traballadoras. Na súa instalación, a artista pon o foco tanto no “abandono laboral” que padece este colectivo como no “desprezo que reciben socialmente por un traballo moi mal pagado”. Uxía A. Pérez, pola súa banda, fai uso da “pintura estendida” e do uso de materiais como a madeira ou o látex para achegar o espectador ao “diálogo entre o tacto e a imposibilidade de tocar ou ser tocado”, nunha reflexión sobre “a identidade do suxeito e os límites entre o propio e o alleo”. Por último, Voilà la Femme complétase coas ilustracións que Ana Sánchez realizou a partires de “escenas ou personaxes de películas ou series que lle resultan evocadoras”, como explica Garrido, integrante do colectivo Portal de Igualdad, que buscar dar visibilidade ás mulleres artistas.

Universidade de Vigo, 2021-01-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES