Notas de prensa

A publicidade en galego induce á compra ao 60% da xente nova, segundo unha enquisa sobre o sextor textil

Segundo recolle o estudo de Anabel Antela 'A lingua galega no sector textil. Visión, opinión e posición da xeración millenial galega', publicada pola Mesa pola Normalización Lingüística co apoio da Deputación de Pontevedra, o 60,3% da xente nova afirma que o feito de que un produto estea anunciado en galego a induce á compra.

O estudo, presentado esta mañá en Pontevedra, representa para a súa autora “un pequeno gran de area para darlle ao galego o espazo que merece como lingua oficial e con igualdade de dereitos”. Anabel Antela insistiu en que resulta alarmante a baixa presenza do galego en moitos ámbitos, especialmente no ámbito empresarial e en concreto nun sector, o textil, que tantos éxitos leva protagonizado en Galiza, motivo polo que centrou o seu traballo na análise da comunicación das grandes marcas e na opinión da mocidade sobre esa realidade.

“Este estudo que pode servir de base para futuras campañas a prol da lingua, dando a coñecer a situación lingüística actual, para poñer fin á diglosia na que está sumida a sociedade galega e poñer fin ás desigualdades, considerado un dos ODS da Axenda 2030”, explicou, para engadir que nun momento no que todo xira arredor dos datos, os datos extraídos da investigación subliñan que o sector do textil “ten aínda unha tarefa pendente e moi urxente coa lingua galega”.

Por observación directa, explicou Antela, analizáronse a 16 marcas e grupos galegos con facturación de máis de 10 millóns de euros. Todas elas utilizan o castelán como lingua vehicular da súa web, e aínda que todas son galegas, só as de Inditex (e non a do grupo) permiten a utilización do galego. De 16 unicamente 7 citan vínculo con Galiza e en ningún momento fan fincapé coa súa orixe galega, só citando a orixe do deseñador ou lugar de apertura. “É preciso dar a coñecer estes referentes como galegas de maneira que ademais de ser coñecidos como grandes éxitos españois, o sexan tamén pola súa orixe”, salientou.

En canto á relación coa mocidade, a autora destacou que mozas e mozos son encargados de transmisión da lingua e que tanto enquisados como enquisadas amosaron actitude positiva para o uso da lingua no sector. “O textil é un sector inspirador e de referencias, sector no que é preciso traballar para que o galego goce dos mesmos dereitos que o castelán. Os datos que din que é preciso realizar cambios, xa que o 95% da mostra considera agradable a utilización do galego e o 70% di que o seu emprego reforza imaxe de marca, o 60% recoñece que un producto anunciado en galego induce á compra e o 95% considera necesario fomento e normalización. Que máis datos precisan as marcas do textil para realizar cambios? É unha necesidade, un dereito do que debemos gozar”, insistiu.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, puxo de manifesto o dato obxectivo de que os países máis desenvoltos e con maior renda son os que empregan a súa lingua para todo, co exemplo de Noruega, Suecia ou Finlandia, fronte aos países con menos desenvolvemento, menor educación e salubridade. “Se nos queremos desenvolver temos que ter en conta a lingua como un factor determinante no desenvolvemento económico”, dixo Maceira, para engadir que con ese obxectivo a Mesa está a desenvolver o proxecto Abertos ao galego, grazas ao que existe unha APP na que se poden coñecer os establecementos que usan o galego no seu día a día.

Pola súa banda, a deputada de Lingua da da institución provincial, María Ortega, indicou que “todos estamos afeitos a que uso da lingua sexa habitual cando se fala da cultura, tradicións e folclore, pero a nosa lingua vai máis alá. A comunicación é unha acción mediante códigos e o noso código é a lingua galega, e non só nos vale para falar no furancho. Tamén vale cando falamos de ciencias, de marcas comerciais, cando imos á nosa entidade bancaria ou cando imos mercar un vehículo”.

Ortega fixo fincapé en que “o emprego da nosa lingua é un dereito, temos que exercelo e esixilo. Se queremos que a nosa lingua se manteña viva temos que empregala e conseguir expresar todo o noso mundo na lingua galega”, motivo polo que considerou fundamental un traballo como o realizado por Antela Castro.

Pola súa banda, o director do estudo e ex decano de CCSS Xosé Bahamonde destacou que o galego é fundamental para a marca Galicia e que a sociedade galega reclama máis o uso do idioma para coñecer a orixe dos productos que merca: “O mellor aval de que algo se produce en Galiza é usar o galego, o empresariado ten que ser consciente de que teñen un activo. Hai que dar prestixio ao galego”, subliñou, para convidar á cidadanía a nestas festas, agasallar cultura galega e mercar produtos etiquetados en galego e de proximidade “para facer país”.

A Mesa pola Normalización Lingüística, 2020-12-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260622-xunta.JPG) O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, subliñou esta mañá en Santiago o potencial da Comunidade galega no emprego da madeira no eido da construción gracias ao esforzo de todos os axentes do sector forestal-madeira e do compromiso do Goberno galego para impulsar o emprego deste elemento nas edificacións que se están a levar a cabo na rexión co apoio da Administración autonómica. Fernández Ríos realizaba estas declaracións no marco da inauguración da xornada sobre o proxecto europeo de construción sustentable Life timber for all.
Foto de la tercera plana (doazon-sangue-bus.jpg) Galicia situouse en 2025 como a terceira comunidade autónoma en taxa de doazón de España, cun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes. Segundo os datos que o Ministerio de Sanidade fixo públicos, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, as campañas de doazón desenvolvidas pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) permitiron situar Galicia nos primeiros postos, ao rexistrar 39 doazóns por cada 1.000 habitantes, sendo soamente superada por Estremadura (47/1.000) e Castela León (45/1.000).

Notas

A Deputación da Coruña entregou no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, os Premios do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia.
O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de adherirse como membro asociado ao proxecto Ebrains, unha iniciativa europea que ten como obxectivo fomentar a investigación relacionada co cerebro e axudar a transferir os resultados obtidos no laboratorio á industria, en beneficio dos pacientes e a sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES