Notas de prensa

Un informe recomenda a creación dun Observatorio para abordar a dixitalización nos convenios colectivos

Abordar o réxime da dixitalización é unha obriga para a negociación colectiva galega, e unha tarefa que pode atopar dificultades ao ser tratada en solitario polos axentes sociais en cada sector, polo que 'convén dotala do maior apoio institucional posible'. Esta é a primeira das recomendacións que se realizan no informe sobre a dixitalización nos convenios colectivos de sector galegos.

A Facultade de Dereito da USC acolleu este xoves 22 o acto de presentación deste documento, a primeira análise exhaustiva de como a transformación tecnolóxica se incorporará á negociación colectiva en Galicia.

A creación dun Observatorio ou unha Comisión sobre dixitalización, asegura o informe, permitiría “establecer un órgano onde se elaborasen cláusulas tipo, impartiríanse formación ás partes negociadoras e aos equipos xurídicos que as apoian, e deseñaríanse accións comúns que beneficiasen ao conxunto das relacións laborais en Galicia, incluíndo á Administración laboral e á Inspección de Traballo (por exemplo, en materia de algoritmos)”. O documento tamén pon o foco en que se debería impulsar a revisión dos convenios colectivos para incorporar de maneira sistemática e detallada as competencias dixitais, tanto nas descricións funcionais como nas táboas retributivas.

Teletraballo, intimidade e desconexión

No relativo ao teletraballo o informe salienta que os convenios colectivos sectoriais de Galicia “deberían establecer un marco común que garanta protección tanto para as empresas como para as persoas teletraballadoras”. Este marco debería abordar aspectos como a definición do teletraballo, os criterios para acceder a el, a porcentaxe mínima de xornada teletraballada necesaria para aplicar as garantías, a prioridade do réxime de teletraballo para colectivos vulnerables e con necesidades de conciliación ou as medidas compensatorias dos custos derivados do teletraballo, entre outras. “A regulación do teletraballo esixe tamén ter en conta aspectos como a igualdade de oportunidades, a protección da saúde laboral, a formación continua e a seguridade tecnolóxica, evitando que a falta de adaptación ou a fenda dixital se convertan en causas de discriminación ou exclusión”, destaca o informe.

O estudo tamén pon o foco en como a negociación colectiva galega debería garantir que as persoas traballadoras “sexan informadas previamente, e de forma clara, sobre a utilización de algoritmos que poidan afectar as súas condicións laborais”. As novas tecnoloxías presentan un carácter pluriofensivo que pode afectar gravemente á intimidade das persoas traballadoras, especialmente pola súa capacidade de captar e almacenar datos. Por iso, resulta necesario que a negociación colectiva vaia máis aló das garantías legais e xudiciais, regulando aspectos como a finalidade dos sistemas de vixilancia, o dereito á información sobre a súa instalación e uso, e o cumprimento dos principios de proporcionalidade e minimización. “Estas medidas permitirían limitar a intrusión na vida privada e asegurar que os medios de control se empreguen só cando sexan imprescindibles e de forma xustificada”, destacan.

Sen permitir un uso desproporcionado, os convenios colectivos deberían admitir, sinala o informe, “certa tolerancia respecto de condutas razoables e ocasionais, como consultar o correo persoal ou páxinas web por parte das persoas traballadoras, sempre que non afecten negativamente ao rendemento nin á seguridade da empresa”. En lugar de sancionar automaticamente tales prácticas, “sería recomendable definir claramente que condutas están prohibidas”. Garantir o dereito á desconexión dixital, así como a creación dunha guía de boas prácticas son tamén outras das recomendacións que realiza o documento.

Ámbitos analizados

O traballo, encargado polo Consello Galego de Relacións Laborais a persoal investigador da USC e da Universidade de León e dirixido polo profesor Miranda Boto, examina 122 convenios colectivos autonómicos e provinciais, co obxectivo de identificar o grao de presenza da dixitalización nos textos convencionais. Entre os ámbitos analizados destacan a participación da representación das persoas traballadoras nos procesos de transformación dixital, os novos perfís e clasificacións profesionais vinculados ás tecnoloxías da información, o teletraballo, o uso de medios dixitais e o dereito á desconexión, a protección de datos, a videovixilancia e o uso de algoritmos e IA, cuestións que mostran un desenvolvemento aínda limitado.

Ademais do profesor Miranda Boto, no acto participaron a decana da Facultade de Dereito, Ana María Gude Fernández, e a presidenta do CGRL, Antía Sández Callejo. O equipo da USC complétano Lidia Gil Otero e José Pazó Argibay. No acto explicouse que o informe servirá como ferramenta para impulsar unha transición dixital xusta, promovendo a transparencia, a seguridade xurídica e a adaptación progresiva de empresas e persoas traballadoras.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES