Notas de prensa

A UDC pon marcha o Quantum Lab CITIC, un polo estratéxico para liderar a computación cuántica en Galicia

A UDC presentou o Quantum Lab do CITIC, un espazo científico estratéxico e interdisciplinar chamado a converterse nun polo de referencia en computación cuántica aplicada en Galicia. Así o explicou o reitor da UDC, Ricardo Cao, na presentación realizada na Reitoría da UDC, na que estivo acompañado por un dos investigadores do CITIC impulsores deste proxecto, Diego Andrade.

A ela asistiron tamén o director do CITIC, Manuel G. Penedo, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, xunto con parte do persoal investigador que participará nesta iniciativa.

“O Quantum Lab do CITIC é unha infraestrutura clave para impulsar a investigación, a innovación e a transferencia tecnolóxica en Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento dun ecosistema avanzado arredor das tecnoloxías cuánticas”, sinalou o reitor da UDC, Ricardo Cao, que engadiu que “coa posta en marcha desta laboratorio reforzamos o noso papel na estratexia global galega desta área de investigación”.

Pola súa parte, Diego Andrade, destacou que “o principal obxectivo é crear sinerxías entre os grupos de investigación, obter financiamento para novas infraestruturas e acadar unha maior capacidade investigadora neste eido, o que permitirá ter mais impacto na comunidade científica e transferir os resultados da investigación ás empresas da nosa contorna”.

Pola súa parte, o director do CITIC, Manuel G. Penedo, subliña que “este laboratorio nace cunha clara vocación de transferencia: queremos que a computación cuántica deixe de ser teórica e se converta nunha ferramenta útil para a industria e a sociedade”.

O novo laboratorio configúrase como un espazo aberto e colaborativo, orientado á comunidade investigadora, centros tecnolóxicos e tecido empresarial. Todo co obxectivo de integrar a computación clásica coas tecnoloxías cuánticas emerxentes para abordar problemas de alta complexidade algorítmica que superan as capacidades da informática convencional.

Este impulso consolídase grazas a un investimento estratéxico de 1,04 millóns de euros do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación, cofinanciado pola Unión Europea, que reforza a posición do CITIC como nodo de excelencia en tecnoloxías cuánticas, con impacto en ámbitos como a saúde pública, a ciberseguridade industrial, a transición enerxética e as finanzas internacionais.

Un laboratorio interdisciplinar para a computación do futuro

O Quantum Lab CITIC configúrase como unha contorna de investigación avanzada onde converxen a intelixencia artificial, a computación de altas prestacións e a computación cuántica para o desenvolvemento de solucións híbridas.

Entre as súas principais liñas de investigación destaca o Quantum Machine Learning e a intelixencia artificial cuántica, centradas no deseño de modelos híbridos cuántico-clásicos capaces de procesar datos complexos en escenarios de alta incerteza.

Outra liña clave é o benchmarking de arquitecturas cuánticas, orientado a avaliar o rendemento de sistemas cuánticos fronte á supercomputación clásica, determinando a súa madurez tecnolóxica e a súa aplicabilidade industrial.

No ámbito da saúde e a biomedicina dixital, o laboratorio desenvolverá algoritmos para a análise automatizada de rexistros médicos, en colaboración con institucións clínicas internacionais. Mentres que, noutros ámbitos, como nas finanzas cuantitativas, o laboratorio traballará no deseño de algoritmos para a optimización de carteiras e a modelización de riscos en escenarios financeiros complexos, en colaboración con entidades internacionais do sector.

Infraestrutura híbrida e equipamento avanzado

O Quantum Lab CITIC dispón dunha infraestrutura tecnolóxica deseñada para a investigación cuántica de nova xeración. Entre os seus principais recursos destaca un sistema físico SpinQ de tres qubits baseado en resonancia magnética nuclear, destinado á experimentación, docencia avanzada e validación de algoritmos.

O laboratorio contará ademais cun emulador cuántico de nova xeración desenvolvido no CITIC, concibido para a simulación a grande escala de circuítos cuánticos complexos e a optimización de algoritmos en contornos libres de ruído.

Esta infraestrutura intégrase cos sistemas de Computación de Altas Prestacións do CITIC, permitindo fórmulas híbridas nas que a computación clásica e a cuántica traballan de forma coordinada para maximizar a eficiencia dos procesos.

Así mesmo, o laboratorio incorpora equipamento en comunicacións cuánticas e criptografía, orientado ao desenvolvemento de solucións avanzadas en ciberseguridade e transmisión segura de información.

Transferencia e colaboración co tecido industrial

O Quantum Lab CITIC concíbese como un espazo de coinnovación aberto a empresas e institucións, que poderán acceder á infraestrutura para probas de concepto, validación de algoritmos e desenvolvemento de proxectos piloto.

O laboratorio ofrece ademais servizos de benchmarking e auditoría tecnolóxica para avaliar a viabilidade real das tecnoloxías cuánticas antes da súa adopción industrial.

Un papel clave neste ecosistema desempéñao a Cátedra ITG-UDC en Tecnoloxía Cuántica, unha alianza entre a Universidade da Coruña e o ITG orientada á transferencia de coñecemento e á formación de talento especializado.

O proxecto articúlase ademais con redes estratéxicas como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Rede de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e plataformas europeas como o Quantum Excellence Centre e ETP4HPC.

Proxectos e equipo

O equipo do laboratorio participa en varios proxectos europeos e nacionais centrados en computación cuántica, intelixencia artificial e as súas aplicacións. Entre eles, destaca un centro europeo de excelencia en tecnoloxías cuánticas onde se traballa na avaliación de arquitecturas cuánticas, xunto con iniciativas de cooperación entre España e Portugal para fortalecer o ecosistema cuántico ibérico. Tamén desenvolve proxectos que combinan IA e computación cuántica para analizar trastornos do sono e mellorar a predición en sistemas complexos mediante técnicas de deep learning.

Ademais, colabora en estudos sobre casos de uso en saúde e finanzas, na avaliación de sistemas cuánticos e en proxectos coa industria orientados ao descubrimento de fármacos e á mellora da eficiencia sanitaria.

Para levar a cabo estes proxectos, o Quantum Lab conta cun equipo multidisciplinar de investigadores do CITIC e da UDC especializados en computación cuántica, intelixencia artificial, matemáticas aplicadas e supercomputación.

O grupo está liderado polo director do CITIC, Manuel G. Penedo, xunto co subdirector do centro, Eduardo Mosqueira Rey, e o investigador Diego Andrade Canosa, quen impulsan a estratexia científica e de transferencia tecnolóxica do laboratorio. O equipo complétase con investigadores sénior, expertos en áreas como matemáticas aplicadas, supercomputación e arquitecturas híbridas, así como con novos talentos que traballan en liñas como o machine learning cuántico, a optimización algorítmica e a simulación híbrida.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-05-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES