Notas de prensa

Seis días de teatro en Ourense para que o público infantil poida 'respirar' este Nadal

En tempos de pandemia e restricións, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti) volve á programación co lema “arte para respirar”. O certame, que celebra este ano a súa 17 edición, traerá este Nadal a diferentes escenarios da cidade 17 representacións de 13 compañías estatais. Con algo menos dun terzo do seu aforo habitual e apostando por uns espazos culturais “seguros”, a cita terá lugar o día 22 e do 26 ao 30 de decembro e un ano máis entre as súas entidades promotoras está a Universidade de Vigo.

A edición deste 2020 foi presentada este venres no Liceo de Ourense por Ana Mª Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Manuel Freire, técnico de Cultura do Concello; José Luis Troitiña, xerente do Liceo, e Fernando Dacosta, director da Moti. Durante a súa intervención, Ana Mª Torrado salientou como esta iniciativa “combina dun xeito excelente” a diversión e o fomento de valores, desde a creatividade á igualdade, que “contribúen á formación integral das persoas”. Pola súa banda, Fernando Dacosta destacou o esforzo que supuxo conseguir sacar adiante esta edición debido ás limitacións derivadas da pandemia. Este ano, indicou, a Moti mantén o seu tradicional slogan “dedicarlles tempo é o mellor agasallo” pero engádelle o de “arte para respirar”. “En tempos tan difíciles como os que nos rodean”, comentou Fernando Dacosta, “ás veces, o soño, a cultura, é un refuxio”. Ademais, recalcou, no teatro infantil tamén se tratan temas delicados e nun momento no que “se ve un ascenso dos totalitarismos”, engadiu, “é importante recordar que é marabilloso poder desde a primeira infancia ir gañando espectadores e espectadoras para a democracia”.

Diversidade de propostas

As compañías que traerán a Moti os seus espectáculos son as galegas Trécola Teatro, Pedras de Cartón, Viravolta Títeres, Caramuxo Teatro, O Baúl da Tía Tola, Culturactiva, Boabab Teatro e a Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense Geppetto. De Madrid participarán Espiral Mágica e La Gata Japonesa; de Castilla-La Mancha Ultramarinos de Lucas; de Castilla y León Spasmo Teatro e de Aragón D`Click-Voltaire. As obras que representarán, e que abranguen un abano amplo de idades, pertencen a xéneros moi diversos, como teatro de rúa, xestual, de actor ou actriz, de máscaras, comedia, monicreques, clown... tamén haberá espectáculos de danza, contacontos, musical e circo, entre outros. Os espazos que acollerán esta programación son o Teatro Principal, o Auditorio Municipal, a Biblioteca Pública, o Liceo e o Colexio Maristas.

As actuacións arrancarán o martes 22 no patio interior do Colexio Maristas, onde Trécola Teatro desenvolverá a súa peza de teatro de rúa Fíos de Moti. Tras este anticipo a programación continuará diariamente do 26 ao 30 de decembro. Así, a actividade arrancará o día 26 no Teatro Principal coa obra de teatro xestual e de máscaras Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón, destinada a nenas e nenos a partir de cinco anos, e rematará o día 30 no Auditorio Municipal coa actuación de Boabab Teatro O lobo e a lúa. Paralelamente a esta programación, haberá accións de animación e promoción polas rúas da cidade e do 28 ao 22 en diversos colexios.

Como xa é tradición, entre os grupos que actuarán estará a Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense Geppetto, que cada ano estrea nesta mostra unha peza que é froito do traballo realizado polos membros da aula, aula que se forma cada curso académico no marco da programación de obradoiros de extensión cultural do campus de Ourense. Nesta ocasión, a obra leva por título Coñecendo a Pippi e conta con dirección e dramaturxia de Elena Seijo, directora da aula universitaria. Recomendada para nenos e nenas a partir de seis anos de idade, a proposta está inspirada na obra de Astrid Lingren Pippi Calzaslongas “unha novela chea de humor e de boa literatura, anarquista e de vontade feminista que contén soños de liberdade, onde os nenos e nenas poden satisfacer os seus desexos de independencia e aventura”, tal e como explican desde Geppetto. Realizarán dous pases no Auditorio Municipal.

O aforo de cada actuación estará limitado segundo as normas sanitarias de loita contra a covid-19 que rexan no momento da celebración, sendo obrigatorio o uso de máscara durante os espectáculos. As tarifas son de catro euros en xeral, coa excepción das actuacións de Geppetto, que será de tres euros, e as de rúa e no Liceo, que serán de balde. A Moti colabora coa Operación Quilo de Amencer e Cáritas e o público poderá doar alimentos non perecedoiros e xoguetes en espazos habilitados para elo nas diferentes representacións.

Universidade de Vigo, 2020-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES