Notas de prensa

Deseñan un método para predicir as camas necesarias pola covid-19 nas unidades de coidados intensivos

Na resposta sanitaria á pandemia provocada polo coronavirus, un dos maiores problemas foi e é a xestión das unidades de coidados intensivos (UCI) dos hospitais. Atendendo a esta situación, investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e do Sergas deseñaron un método para a determinación con antelación das camas necesarias pola covid-19 nestas UCI. O custe de cada cama é de máis de 1000 euros diarios, polo que ten unha enorme repercusión económica.

O traballo foi elaborado por Iván Area (Universidade de Vigo e actualmente na Aneca) e Juan J. Nieto (Universidade de Santiago de Compostela) xunto a Xurxo Hervada e María Jesús Purriños (Sergas) e vén de ser publicado na revista Alexandria Engineering Journal baixo o título Determination in Galicia of the required beds at intensive care units. O punto de partida para o deseño do método desenvolvido, indican os seus responsables, “foi a estimación inicial do comportamento da onda usando modelos compartimentais”. Unha vez obtida esta previsión, detallan, realizouse unha estimación de camas en base a unha porcentaxe dos datos acumulados dos 15 días previos á data de interese. “É algo obvio: o número de persoas que ingresan na UCI depende dos casos dos días previos”, apuntan os investigadores. Unha vez disposta esta ferramenta, engaden, “a vantaxe de ter unha estimación do número de casos diarios moi aproximada permitiu ter estimacións bastante próximas á realidade do número de camas de UCI necesarias”.

A xestión das camas de UCI, apuntan os investigadores, “trátase dun problema de enorme complexidade e repercusión”, lembrando como “o custe de cada cama é de máis de 1000 euros diarios, ten unha enorme repercusión económica”. Ao tempo, engaden, “un número insuficiente de camas implica a non dispoñibilidade de camas de UCI a persoas coa covid-19 ou doutras doenzas”. Por este motivo recalcan “a importancia de coñecer de antemán as necesidades de recursos en camas UCI, xa que non se poden improvisar, pois son camas que requiren parataxe moi específico anexo (respiradores, monitores, etc) e recursos humanos formados no seu uso, ademais do espazo físico necesario, moi superior a unha cama normal”. “Ou se prepara de antemán ou se fracasa en cubrir a demanda”, subliñan respecto a esta cuestión.

Liña de continuidade

Ademais de idear este procedemento para poder ter con antelación unha estimación do número de camas de UCI necesarias, Iván Area e Juan José Nieto forman parte do grupo de investigadores que adiantou como sería a expansión da pandemia da covid-19 en Galicia ao seu inicio. Baseándose na análise dos datos de Wuhan, o grupo integrado por Nieto, Area, Delfim Torres e Faiçal Ndaïrou, das universidades de Vigo e Aveiro estes últimos, realizou unha serie de simulacións que situaban o máximo número de casos da pandemia arredor do 5 de abril. “Esa predición, con máis dun mes de antelación comprobouse certa no seu día”, apuntan. A análise, baseada nun modelo matemático, engaden, “foi central para poder anticipar o número de camas necesarias”.

Universidade de Vigo, 2020-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES