Notas de prensa

As Asociacións das Rutas do Viño presentan unha campaña de promoción do enoturismo

Presentouse na Cidade da Cultura a campaña de promoción do enoturismo no turismo de proximidade coa que dar a coñecer as experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño. No acto presentouse ademais unha plataforma de comercialización desde a que se ofertarán de forma telemática as reservas para participar nestas experiencias. Ambas iniciativas forman parte do convenio entre a Xunta e as Asociacións das Rutas do Viño, que se enmarca no programa Galicia Destino Seguro.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Medio Rural, José González, asistiron hoxe á presentación na Cidade da Cultura da campaña de promoción do enoturismo no turismo de proximidade coa que dar a coñecer as experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño.

No acto, ao que tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentouse ademais unha plataforma de comercialización desde a que se ofertarán de forma telemática as reservas para participar nestas experiencias.

A Xunta destina 134.000 euros a esta campaña de promoción e arredor de 25.000 euros ao lanzamento da plataforma de comercialización. Ambas iniciativas forman parte do convenio entre o Goberno galego e as Asociacións das Rutas do Viño, dotado con 230.000 euros, e que á súa vez se enmarca no programa Galicia Destino Seguro do Plan de Reactivación dos sectores cultural e artístico.

A través deste acordo, a Xunta apoia tamén ás Rutas do Viño na aplicación das medidas de prevención e os protocolos necesarios para facer fronte á covid-19.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou que o enoturismo supón un elemento clave na desestacionalización do turismo galego con experiencias personalizadas que permiten descubrir o interior galego baixo a marca paraugas Enoturismo Galicia, amparada pola Administración autónomica.

Ademais, sinalou que se trata dun dos productos turísticos que contribúe a diferenciar a oferta da nosa comunidade e promover Galicia como un destino fiable e de calidade, ao abeiro do programa Galicia Destino Seguro, ao que a Xunta destina 8 millóns de euros e que se engloba no Plan de Reactivación do sector, que conta cun investimento de 58 millóns de euros.

Nesta liña, incidiu en que a imaxe de destino seguro contribuíu a que a comunidade resistise mellor que outras comunidades a época estival e que propostas como o enoturismo axudarán a continuar nese bo camiño nos próximos meses.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, salientou que “o viño é o principal elemento dinamizador dos territorios que conforman as nosas denominacións de orixe”. Lembrou, neste sentido, que este sector abrangue unhas 9.000 hectáreas de superficie, con máis de 15.000 viticultores, 400 adegas e unha produción que supera os 60 millóns de quilos de uva anuais.

Así mesmo, o conselleiro destacou a calidade dos viños galegos, que os convirte -dixo- en “grandes embaixadores” da nosa terra e que xera sinerxías con outros eidos, como o turismo. Neste sentido, apuntou que o enoturismo permite promocionar iniciativas tales como as rutas do viño “nunha simbiose única entre ambos sectores”. Trátase, remarcou, de potenciar e de “aproveitar o rico patrimonio natural, cultural e paisaxístico de Galicia” vinculando toda esa riqueza co mundo do viño nuns territorios como as denominacións de orixe nos que a viticultura ten un papel protagonista.

Asociacións das Rutas do Viño , 2020-09-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES