Notas de prensa

Especialistas de 17 países buscarán solucións baseadas na natureza aos efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños

32 institucións de 17 países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, participan no proxecto europeo FutureMARES, que ten como obxectivo o desenvolvemento de accións, estratexias e solucións baseadas na natureza, dirixidas a mitigar os efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños. Financiado con máis de 8 millóns de euros polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea, a institución viguesa está representada polo grupo Future Oceans Lab.

Concretamente, a investigadora Elena Ojea, coordinadora do grupo Future Oceans Lab, xunto co investigador posdoutoral Juan Bueno-Pardo, serán os responsables de liderar o grupo de traballo encargado de avaliar a “vulnerabilidade climática” tanto de diferentes ecosistemas mariños e costeiros como das comunidades de persoas que dependen destes. O seu propósito será identificar os “servizos ecosistémicos” e comunidades nunha situación de maior risco, a través dos estudos que se levarán a cabo en diferentes puntos de Europa e América Latina.

Xunto ao CSIC e a Fundación ATZI, a Universidade de Vigo é un dos tres socios españois dun proxecto cuxo “principal obxectivo é proporcionar medidas de adaptación e mitigación baseadas na natureza (NBS)”, como a pesca sostible, a restauración de hábitats mariños e a conservación de áreas mariñas protexidas. A institución viguesa recibirá 187.000 do orzamento total dun proxecto que nestes días celebra, por medios virtuais, a súa xuntanza de arranque e que se estenderá ata 2024. Un proxecto que desde Future Oceans Lab definen como unha “grande oportunidade” para “ampliar a nosa rede de colaboradores” e acadar unha “maior visibilidade e internacionalización, xa que aspiramos a ser un grupo de referencia no estudo da adaptación dos sistemas mariños ao cambio climático”.

Análise ecolóxica, económica e social

FutureMARES, explica a xestora de proxectos de Future Oceans Lab Julia Ameneiro, “abrangue o estudo dos ecosistemas mariños dunha maneira integradora, combinando o eido ecolóxico co social”, concibíndoos como “un sistema funcional, no que os procesos e funcións ecolóxicas interactúan coas persoas”, proporcionándolles servizos que van da alimentación e a regulación climática ata o turismo.

Deste xeito, buscarase explorar “solucións de adaptación ou mitigación” centradas na conservación ou restauración dos ecosistemas” fronte ás ameazas que supoñen, por exemplo, a suba das temperaturas ou o aumento do nivel do mar, que implican “importantes cambios nos ecosistemas mariños” con consecuencias ecolóxicas e sociais. Trátase, explican, de medidas que “proporcionan beneficios medioambientais, sociais e económicos de maneira simultánea”, e que buscarase que sexan “economicamente e socialmente viables”, ademais de adaptadas á realidade local para acadar unha maior eficiencia e pór de relevo ás posibilidades das NBS. Ese sería o caso, por exemplo, de apostar pola conservación dunha marisma, que “ten a funcionalidade de evitar a intrusión do mar na liña de costa e diminuír o impacto da suba do nivel do mar”, en lugar de pola construción de diques, cos que, lembra Ameneiro, “estaríamos perdendo servizos como a regulación da auga e do aire ou a pesca”. A través deses estudos adaptados a cada zona, buscarán “coñecer o custo e o beneficio real da posta en práctica das NBS nos diferentes hábitats”, de tal xeito que do proxecto poidan saír medidas susceptibles de integrarse nas políticas climáticas.

Vulnerabilidade climática

Future Oceans Lab liderará, xunto co Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science (CEFAS) e o Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados do CSIC, a execución do WP5, un paquete de traballo no que “desenvolveremos a metodoloxía para a avaliación da vulnerabilidade dos sistemas mariños e coordinaremos a súa aplicación en lugares como o Mediterráneo, o mar Báltico ou as costas de Chile”. A análise da vulnerabilidade climática, “o grao de susceptibilidade ou de incapacidade dun ecosistema para facer fronte aos impactos do cambio climático”, será o eixo deste grupo de traballo, que colaborará cos diferentes socios “para obter os escenarios de impactos climáticos e estudar as percepcións das comunidades que dependen dos hábitats costeiros”, explica Ameneiro.

“O noso traballo tratará de entender que ecosistemas, recursos e comunidades son máis vulnerables e, polo tanto, onde se pode centrar a intervención das diferentes institucións”, engaden desde o grupo, que amplía con FutureMARES a súa liña de traballo sobre estudos de vulnerabilidade, dando continuidade a proxectos como o Interreg-MED MPA-Engage, que desenvolve a investigadora Francesca Barazzetta.

Múltiples puntos de análise

Xunto ao Mediterráneo, o Báltico e as costas de Chile, tamén o nordeste Altántico, o mar do Norte, o Báltico o golfo de Biscaia ou o Caribe forman parte dos puntos nos que levarán a cabo os estudos deste proxecto. “Estas rexións foron escollidas”, explica Ameneiro, polo “coñecemento científico previo das características climáticas, ecolóxicas e socioeconómicas”, o que permitirá “testar a efectividade das NBS” á hora de “incrementar a resiliencia da sociedade ao impacto do cambio climático e asegurar que servizos” como a pesca ou a acuicultura “poidan proporcionar alimento a longo prazo dunha forma sostible para o medio ambiente, a economía e a sociedade”.

A crise xerada pola covid-19, non obstante, podería implicar cambios nas actividades previstas, entre as que figuraban “un amplo programa de consultas e workshops con axentes locais, que teñen que ser redeseñados”.

Universidade de Vigo, 2020-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES