
Para a súa execución, os científicos pertencentes á agrupación estratéxica CRETUS, recibirán do Ministerio un total de 800.000 euros. Dos catro proxectos I+D+i concedidos, HP-NANOBIO e ANTARES, corresponden á convocatoria do Programa Estatal de Xeración de Coñecemento e Fortalecemento Científico e Tecnolóxico do Sistema de I+D+i e os outros dous, ao programa de Retos da sociedade modalidade Novos investigadores, todos cunha duración de tres anos.
HP-NANOBIO
O desafío que expón o proxecto HP-NANOBIO baséase nun sistema de tratamento de oxidación avanzada baseado no uso de nanopartículas e clústers atómicos como fotocatalizadores de alto rendemento combinados con encimas inmobilizadas en nanopartículas. O proceso en fervenza que combina a fotoquímica e a biocatálisis con nanopartículas separables magneticamente non foi abordado anteriormente e permite avanzar no deseño de tecnoloxías respectuosas co medio ambiente e economicamente sostibles. O obxectivo perseguido con esta proposta innovadora pretende reducir o impacto ambiental dos efluentes contaminados, contribuíndo a mellorar a xestión integral e sostible dos recursos hídricos, explica a investigadora principal do proxecto e catedrática da USC, Maite Moreira. Os resultados da avaliación tecno-económica e ambiental dos procesos de tratamento deste proxecto determinarán a viabilidade da explotación desta tecnoloxía a escala de demostración. Alén da profesora Moreira, os científicos Gumersindo Feijoo, Amaya Franco, Sara González, Sabrina De Boer e Jorge González volven colaborar cos investigadores do grupo Nanomag, pertencente á agrupación estratéxica da USC AeMAT, Alfonso Fondado, Carlos Vázquez e Jorge Mira, seguindo unha estratexia de investigación interdisciplinaria.
ANTARES
Pola súa parte, a proposta de ANTARES ten como obxectivo avanzar a nivel científico e tecnolóxico na eliminación de microcontaminantes orgánicos (OMPs), concretamente antibióticos, así como o coñecemento sobre a presenza e propagación de microorganismos resistentes aos mesmos (ARMs) durante o tratamento de augas residuais. ANTARES presenta un enfoque singular centrado na comprensión da relación entre as emisións de antibióticos, a produción de produtos de transformación e a xeración de xenes resistentes en deseños de plantas convencionais e innovadoras, explica Francisco Omil, investigador principal do proxecto. Esta investigación coordinada entre o Biogroup da USC e o Instituto Catalán de Investigación da auga (ICRA) de Girona, ten un gran enfoque tecnolóxico pois combina o traballo en reactores biolóxicos de laboratorio, piloto e a escala real coa aplicación de modernas técnicas de microbioloxía molecular e o desenvolvemento de métodos analíticos. O equipo da USC está formado polos investigadores Francisco Omil, Marta Carballa, Jesús A. López Romalde, Juan M. Garrido, Juan M. Lema e Sonia Suárez. Francisco Omil é ademais investigador principal xunto con Jesús A. López Romalde do proxecto ORADAR, concedido pola USC para a avaliación dos microorganismos resistentes aos antibióticos nas plantas de tratamento biolóxico de augas residuais que servirá de punto de partida para o ANTARES.
Modalidade novos investigadores
Nesta última modalidade, orientada a como avanzar na procura de solucións aos retos da sociedade, os proxectos concedidos foron PlasticBugs e ALQUIMIA, dos investigadores Sabela Balboa e Miguel Mauricio, respectivamente. PlasticBugs, céntrase en illar e caracterizar as comunidades bacterianas degradadoras de microplásticos (MPs) que están presentes no lodo activo das plantas de tratamento de augas residuais, dende tres perspectivas: a caracterización do ambiente no que viven as bacterias, do seu ambiente físico-químico e da súa composición en MPs; o estudo da súa actividade e rutas metabólicas maioritarias para determinar que rutas de degradación plástica están presentes na poboación; e, por último, o illamento dun consorcio de bacterias, unha biopelícula, capaz de crecer e degradar os microplásticos máis abundantes no lodo activado. Con isto, poderase estudar a taxa de degradación de cada un dos plásticos e poderase illar cada un dos seus compoñentes para secuenciar o seu xenoma e analizar a súa contribución na degradación, explica Sabela Balboa. Este proxecto esixe experiencia en química analítica, en funcionamento e equilibrio de biorreactores e en microbioloxía e poboacións microbianas, por iso formouse un equipo interdisciplinario entre investigadores do Instituto CRETUS.
Doutra banda, ALQUIMIA, acrónimo de Deseño por computador de bioprocesos innovadores para a produción sostible de produtos químicos, céntrase en usar técnicas de programación matemática para facilitar o deseño de novos bioprocesos con varias etapas, materias primas e/ou produtos. Mediante a elaboración dunha biblioteca aberta de modelos metabólicos, preténdese establecer un método integral de deseño de novos bioprocesos xerando automaticamente diagramas de fluxo alternativos, sinala Miguel Mauricio. O impacto deste proxecto é múltiple. Ao facilitar o deseño e a avaliación económica temperá axuda á toma de decisións por parte dos investidores para conseguir o desenvolvemento efectivo de novos bioprocesos. Incorporando modelos metabólicos de cultivos puros e mixtos, permite incrementar a variedade de materia prima xa que os cultivos mixtos están especialmente indicados para a transformación de residuos, integrándose nun marco de economía circular. Mauricio agarda que este proxecto permita aproveitar o vasto potencial que teñen as transformacións biolóxicas para producir produtos químicos a partir de materias primas de baixo custo e cun impacto ambiental reducido.
Foi presentada a novena edición do Festival Clasclás que, baixo lema de 'Paixón', se vai celebrar, do 20 ao 27 de xuño, en Vilagarcía de Arousa, cunha ambiciosa programación que aposta pola vangarda e a ciencia. Así, este certame convértese nunha das grandes citas internacionais da música clásica, cunha programación que abrangue desde a excelencia da Orquestra Sinfónica de Galicia e da música de cámara ata o virtuosismo de solistas chegados de diferentes partes do mundo. O evento inclúe a celebración dun 'concerto inmersivo' para conmemorar a eclipse solar, que terá lugar en agosto.
O presidente da Xunta destacou que 'as medidas fiscais aprobadas polo Goberno galego e consolidadas dende o ano 2022 permitirán a cada contribuínte da comunidade aforrar unha media de 476 euros na declaración da renda'. Así mesmo, lembrou que na campaña deste ano 'seguen vixentes as medidas de alivio fiscal' postas en marcha pola Administración autonómica nos últimos anos. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a tarifa deflactada nos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF no ano 2023 e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar.