Notas de prensa

A importancia da distancia social e do 'correcto e sistemático' lavado de mans

O reparto de máscaras faciais en transportes públicos dende este luns non debe considerarse un substitutivo das medidas de hixiene e distancia social que a poboación estaba a desenvolver dende o decreto do estado de alarma por mor da crise da COVID-19. O epidemiólogo e profesor da USC Francisco Caamaño Isorna fai fincapé en que o uso destes recursos non anula a necesidade de lavar as mans de modo "correcto e sistemático", así como de manter unha separación de dous metros entre as persoas.

"O que está acreditado ata o momento é que a COVID-19 transmítese por secrecións de persoas infectadas, principalmente por contacto directo con gotas respiratorias de máis de cinco micras, capaces de transmitirse a distancias de ata dous metros", explica Caamaño. "Demostrouse tamén a permanencia do coronavirus en superficies como o cobre, catro horas; cartón, madeira, roupa e vidro, un día; e aceiro inoxidable, plástico, billetes e máscaras faciais cirúrxicas, catro días. Por estas razóns as principais e fundamentais medidas de prevención seguen sendo a distancia social e o correcto e sistemático lavado de mans con xabón ou solucións hidroalcohólicas", apunta o profesor da USC.

Máscaras faciais

O uso de máscaras faciais explícase en virtude de que "en condicións experimentais e en lugares altamente expostos, como vestiarios de sanitarios que trataban a pacientes con coronavirus, detectáronse concentracións do virus en mostras de aire. Por esta razón, a utilización da máscara facial sanitaria podería constituír un elemento complementario na prevención da COVID-19 en ambientes altamente expostos", continúa Caamaño.

Luvas

Manter un minucioso lavado de mans segue a ser un recurso fundamental na loita contra o coronavirus. "Os guantes tamén se contaminan, como as nosas mans, polo tanto a principal recomendación é o lavado sistemático e concienzudo de mans e evitar tocarnos a cara, levemos ou non guantes. O risco de utilizar luvas é que nos dean unha sensación de falsa seguridade e que descoidemos estas recomendacións. No caso de usalos, hai que respectar escrupulosamente as pautas de colocación e retirada", asegura o epidemiólogo.

Desescalada

Lograr que a curva da pandemia descenda e regresar á vida cotiá suscita asemade numerosas cuestións na cidadanía. Para Caamaño Isorna, o retorno á rutina realizarase moi paseniñamente. "Quizais o Goberno permitirá ir abrindo as medidas, deixando que os menores saian un pouco á rúa acompañados por unha persoa, permitindo que a xente saia unha hora a facer deporte de forma individual... Pero que abran os bares, restaurantes e outros establecementos de reunión, vai tardar, porque habería risco de que os contaxios se disparasen de novo", opina o profesor da USC.

"A apertura será lenta, e dependerá dos datos que se teñan e de que a xente siga respectando as medidas de distancia social. Neste sentido, o estudo de seroprevalencia poboacional con representación territorial, isto é, determinar que proporción da poboación desenvolveu anticorpos contra o coronavirus, permitirá coñecer o grao de inmunidade da poboación. Isto podería permitir o desescalonamento gradual por territorios, sempre que se asegurase a limitación de mobilidade entre eles, cuestión sempre problemática e que descansa de novo na responsabilidade individual", explica Caamaño.

Vivir nun mundo globalizado e en permanente conexión é outra das condicións que inflúen na propagación da Covid-19. "Non debemos esquecer que non estaremos seguros se non o está tamén Ãfrica, Asia ou Centro e Sudamérica", di Caamaño. Ademais, esta pandemia debe facernos reflexionar sobre o comportamento á hora de enfrontar outras enfermidades como unha simple gripe. "Quero pensar que seremos quen de aprender. Non só os responsables da xestión sanitaria, senón tamén os cidadáns que deberiamos estender as condutas de prevención a outras infeccións estacionais como a gripe, na que moitas persoas vulnerables ou con risco de contaxio a terceiros non se vacinan; ou non se resignan a quedar na casa ata estar completamente restablecidas", conclúe Caamaño.

Universidade de Santiago de Compostela, 2020-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES