Notas de prensa

A Costa da Morte converterase este verán nun 'Olimpo ciclista' con difusión internacional

A Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) acolleu a presentación de dúas citas de referencia no mundo do ciclismo que este verán se desenvolverán nun escenario único e espectacular: a nova edición do Gran Fondo Ézaro e o regreso de La Vuelta a España á Costa da Morte. O Gran Fondo Ézaro vaise celebrar o 5 de xullo, e a etapa da Vuelta a España o 1, e suporán a oportunidade para promocionar unha paisaxe espectacular, nunha aposta polo turismo de calidade, a gastronomía, o patrimonio e as experiencias singulares.

A Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) acolleu no día da súa inauguración a presentación de dúas citas de referencia no mundo do ciclismo que este verán se desenvolverán nun escenario único e espectacular: a nova edición do Gran Fondo Ézaro e o regreso de La Vuelta a España á Costa da Morte. No acto participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e o deputado e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, ademais de destacadas figuras do mundo deportivo e do audiovisual.

O Gran Fondo Ézaro, que se celebrará o 5 de xullo, e a etapa da Vuelta a España que discorrerá pola Costa da Morte o 1 de setembro foron protagonistas hoxe en Fitur nun acto no que se destacou a oportunidade que estas citas deportivas ofrecen para promocionar unha paisaxe espectacular dun territorio que ofrece tamén unha gastronomía única, un rico patrimonio histórico, artístico e natural e a posibilidade de vivir experiencias singulares nunha aposta polo turismo de calidade.

Xosé Regueira e José Manuel Pequeño participaron no acto de presentación que se desenvolveu no stand de Galicia en Fitur conducido polo xornalista deportivo Terio Carrera e que contou tamén coa intervención do ciclista Ezequiel Mosquera, os actores Federico Pérez Rey e Antonio Durán “Morris”, o director de La Vuelta, Javier Guillén, o exciclista Óscar Pereiro, o xornalista Javier Ares ou da responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro, entre outros.

Aposta polo turismo sostible

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, defendeu na súa intervención a Costa da Morte como un "un territorio que ofrece a oportunidade de ser coñecido en rutas a pé, en bicicleta ou nunha táboa de surf e que, con estas dúas citas, mostra ao mundo unha paisaxe formidable con recursos de interese turístico único, coma a súa gastronomía e mesmo a xente que habita un territorio que será a mellor herdanza para as vindeiras xeracións". Defendeu así, a aposta "pola sostenibilidade" en productos turísticos de calidade que ofrece a Costa da Morte.

Pola súa parte, José Manuel Pequeño convidou a participar nos dous eventos ciclistas que ofrecerán unha oportunidade única para "gozar da extraordinaria paisaxe e promocionar un icono galego a nivel internacional como é o mirador e a cascada do Ézaro, o Monte Pindo e toda a Costa da Morte".

Agárdase que nesta nova edición máis de 1.500 corredores se animen a participar no Gran Fondo Ézaro que presenta, entre as súas novidades que anunciou o ciclista e promotor do evento, Ezequiel Mosquera, tres tramos de terra -o que dificulta aínda máis o percorrido- e a homenaxe a un equipo carismático como é a Once. No acto tamén se nomearon os que serán padriño e madriña desta nova edición do evento deportivo, cargos que recaen no actor Antonio Durán “Morris”, e a concelleira de Dumbría, María Agulleiro.

O director de La Vuelta, Javier Guillén, sinalou que a contrarreloxio que atravesará boa parte da Costa da Morte “será especialmente decisiva” á hora de determinar quen gañará unha competición ciclista que, como dixo, "é un evento televisivo, polo que a paisaxe do Ézaro será retransmitida e impresionará a un amplísimo público".

Será así tamén o vindeiro 5 de xullo cando os concellos de Dumbría, Cee, Carnota, Muxía, Muros e Vimianzo acollan unha nova edición Gran Fondo Ézaro, unha competición que destaca pola espectacular paisaxe dun percorrido que comeza e remata na fervenza do Ézaro, no concello de Dumbría.

A proba, que está xa considerada unha cita de referencia no ciclismo en Galicia, e coincide neste verán co regreso oito anos despois da Vuelta Ciclista de España ao territorio da Costa da Morte que se converte neste ano nun auténtico "olimpo ciclista".

O Gran Fondo Ézaro será ademais unha das 30 probas a nivel internacional puntuables para as World Series, a única que se desenvolve en España. Como en anteriores edicións, os participantes poderán escoller entre transitar unha ruta curta (de 80 quilómetros) ou a completa, que alcanza os 149 quilómetros de percorrido.

En anteriores edicións, o Gran Fondo Ézaro participaron recoñecidos ciclistas como de Alex Zülle, Tony Rominger, Álvaro Pino, Ángel Casero, Óscar Pereiro, Carlos Sastre, Claudio Chiapucci ou Marino Lejarreta, así como o triatleta Javier Gómez Noya, que gozou e arrasou nas estradas da Costa da Morte. Neste ano, Ezequiel Mosquera adiantou que tamén se darán citas importantes nomes do mundo da bicicleta e incluirá a homenaxe ao equipo da Once.

Ademais, no acto que se desenvolveu en Fitur presentouse tamén a etapa da Vuelta a España que na súa edición 75 volve de novo á Costa da Morte. Trátase da edición máis internacional do acontecemento deportivo que disputará as tres primeiras xornadas nos Países Baixos e visitará tamén Francia e Portugal. Significará unha proxección única para a Costa da Morte nun evento que cada ano é retransmitido por televisións de máis de 90 países e seguido por millóns de persoas.

A etapa que percorrerá a Costa da Morte terá lugar o vindeiro 1 de setembro será unha "contra-reloxo" que se celebrará última semana de carreira, con saída en Muros e final no miradoiro do Monte Ézaro, no concello de Dumbría. Serán 33,5 quilómetros de carreira que pasarán por Lariño, Carnota, San Mamede, Panchés, Quilmas e O Pindo até finalizar na espectacular pendente do 30% do Ézaro desde a que se divisa a única cascada de Europa que desenboca directamente no mar.

Deputación da Coruña, 2020-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES