Notas de prensa

Cinco centros escolares participarán en Observa_Acción, nun intercambio de boas prácticas educativas con outras comunidades

O programa de innovación educativa Observa_Acción (Innovación docente dende a observación e o intercambio entre iguais) vén de seleccionar os cinco centros escolares galegos que participarán nun intercambio de boas prácticas educativas fóra de Galicia (Asturias, Castela e León e A Rioxa). De cada un dos centros participarán neste programa de innovación CATRO persoas do claustro, incluído un membro do equipo directivo.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de seleccionar os cinco centros escolares galegos que participarán nun intercambio de boas prácticas educativas fóra de Galicia (Asturias, Castela e León e A Rioxa) a través do programa de innovación educativa Observa_Acción: Innovación docente dende a observación e o intercambio entre iguais.

Na modalidade Innova_Acción o centro seleccionado é o CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía), mentres que na modalidade Dixitaliza_Acción os centros participantes serán o CEIP Plurilingüe da Espiñeira- Aldán (Cangas) e o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra). Na modalidade Comunica_Acción seleccionouse o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso) e o IES A Basella (Vilanova de Arousa).

De cada un dos centros participarán neste programa de innovación CATRO persoas do claustro, incluído un membro do equipo directivo.

A iniciativa -que involucra 20 docentes- ten como finalidade fomentar o desenvolvemento nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais.

A convocatoria deste programa divídese en tres modalidades. Innova_Acción céntrase na asociación de centros con boas prácticas en implantación de metodoloxías activas e colaborativas, educación inclusiva, novas propostas didácticas e competencias, transformación na organización de centro, espazos de aprendizaxe e avaliación, entre outras.

Pola súa parte Dixitaliza_Acción vai dirixida a centros con boas prácticas no desenvolvemento das TIC como ferramentas de aprendizaxe, robótica, realidade virtual, espazos maker e STEM; e Comunica_Acción a aqueles que son exemplo no tratamento integrado de linguas, no desenvolvemento do plurilingüismo ou en procesos de internacionalización.

Fases

Observa_Acción desenvolverase ao longo do presente curso a través de varias fases. A primeira delas será de formación inicial para todos os participantes no programa, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación; mentres que a segunda pasará pola toma de contacto entre centros irmandados.

Para iso faranse asociacións de centros que desenvolverán procesos de observación mutua. O equipo dun centro visitará os asociados ao longo de dúas xornadas lectivas completas, proceso que se desenvolverá despois á inversa.

Por último realizarase unha coavaliación e avaliación final que inclúa unha reflexión para a innovación e a mellora da propia práctica docente a nivel individual e de centro. Isto farase nun encontro que terá lugar nunha das comunidades autónomas participantes coa presenza de todos os centros educativos e na que se avaliarán os resultados do programa.

Novas vías para a innovación

Este programa procura experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa entre os docentes de Galicia, así como con centros doutras comunidades autónomas e doutros países socios en proxectos internacionais.

Non en balde, os intercambios inter-centros e inter-pares facilitan que os docentes observen de forma directa metodoloxías, distintos enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, outras formas de relación e comunicación, ou diferentes vías de xestión dos recursos propios e alleos, fomentando a adaptación e a aplicación do aprendido na súa praxe diaria.

Ademais, o proceso que leva consigo o programa contribúe a fomentar o traballo en equipo dentro do propio centro, entre aqueles que teñen intereses compartidos.

Cómpre sinalar que a participación neste programa vai asociada ao desenvolvemento dun programa de formación do profesorado no centro (PFPP) no pasado curso 2018/19.

Observa_Acción, 2019-12-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES