Notas de prensa

Galicia proclama na COP25 que aspira a ser unha das primeiras rexións da UE en lograr a neutralidade climática

Galicia camiña con paso firme e apoiándose nas ferramentas máis axeitadas para ser unha das primeiras rexións en alcanzar o ambicioso obxectivo da neutralidade climática. Así o proclamou a conselleira de Medio Ambiente, Ãngeles Vázquez, encargada de conducir o evento 'Galicia resiliente: comunidade e clima' no marco do Cumio Mundial do Clima COP25, o encontro internacional máis importante sobre cambio climático e que reúne en Madrid a máis de 50 xefes de Estado e de Goberno.

Durante a xornada de clausura da COP, Vázquez Mejuto presentou as liñas principais da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE) 2050, aprobada pola Xunta o pasado 3 de outubro e que durante os próximos cinco anos se porá en práctica a través dun plan rexional integrado con 170 medidas, que implican a todos os departamentos autonómicos e terán un investimento estimado de máis de 1.250 millóns de euros.

Grazas a esta folla de ruta para afrontar un problema “global” en clave galega, o Goberno autonómico “camiñarᔠcara á neutralidade climática -é dicir, compensar as emisións que non poden ser eliminadas, coas absorcións da propia contorna natural- reducindo, por un lado, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) grazas a unha aposta decidida polas enerxías renovables, e por outro, potenciando a capacidade natural de absorción de carbono de Galicia a través dunha axeitada xestión das masas forestais e dos ecosistemas.

“Somos unha das primeiras rexións españolas en aprobar a nosa propia guía de actuación en materia de cambio climático. E tamén queremos que Galicia sexa unha das primeiras rexións de Europa en lograr reducir a 0 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro”, asegurou a conselleira, quen engadiu que a receita da Xunta para lograr estes obxectivos pasa por dotarse de ferramentas ambiciosas e efectivas, como a propia EGCCE 2050, para afrontar os tres grandes retos da sociedade actual: o cambio climático, a xestión dos residuos e o aproveitamento sustentable dos recursos.

Así, subliñou que Galicia acaba de “pechar o círculo” marcado desde a UE ao dotarse, ademais da EGCCE 2050 aprobada en outubro, de dúas novas ferramentas clave: a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030 e o anteproxecto da Lei de Residuos, documentos que onte mesmo recibiron o visto bo do Consello da Xunta.

Con esta tripla receita, segundo explicou Ãngeles Vázquez, a Xunta está convertendo a Galicia en parte da solución ao problema do quecemento global, ata acadar unha transición enerxética sustentable, e á vez nun referente no proceso de cambio do actual modelo de consumo e de uso dos recursos naturais cara a outro máis eficiente e sustentable.

En materia enerxética, a responsable de Medio Ambiente volveu poñer a Galicia como exemplo polo seu “firme compromiso coas enerxías renovables”. Un compromiso, incidiu, que se traduce en feitos, como que sexa a segunda rexión española que produce máis enerxía de fontes limpas ou que o 56% da súa xeración eléctrica sexa electricidade renovable, un nivel de produción “máis alto que o da maioría de países europeos e similar ao doutros de primeiro nivel en canto a patróns ambientais, como Suecia”.

Así mesmo, a conselleira recoñeceu que a riqueza natural da comunidade non só é un patrimonio de incalculable valor, senón tamén un gran aliado na loita contra o cambio climático. Pero advertiu que mesmo nesa “Galicia verde e azul” xa se están a percibir “cambios”, que se manifestan nas temperaturas, na distribución da chuvia ao longo do ano ou nos fenómenos meteorolóxicos extremos.

Esta constatación de que na comunidade tamén se están a facer visibles os efectos do quecemento global, precisamente, levou á Xunta a asumir a loita contra o cambio climático e a necesidade de afrontar a medio prazo unha transición enerxética progresiva, xusta e sustentable como unha das máximas prioridades de acción do seu goberno.

De feito, Galicia foi unha das primeiras comunidades españolas en poñerse a traballar nesta liña e, como lembrou a conselleira, tamén é unha das poucas –concretamente, a cuarta- que xa ten aprobada a súa propia folla de ruta para facer fronte nas próximas décadas a este fenómeno. O reto principal da EGCCE é acadar a resiliencia e avanzar ata alcanzar no ano 2050 o obxectivo da neutralidade climática, facendo fincapé na capacidade do sector forestal galego e do medio rural para lograr estes obxectivos. De feito, Galicia é a cuarta comunidade que máis reduciu as súas emisións GEI desde 1990.

“Está claro que necesitamos actuar para facer fronte ao cambio climático”, advertiu a conselleira, que aproveitou a súa presenza nun cumio internacional chamado a alcanzar acordos ao máximo nivel nesta materia para facer un chamamento a que esta actuación sexa “global porque todos somos parte dun único planeta”.

Participación do Sergas e o Xera

O evento organizado hoxe pola Xunta no marco da COP25 tamén contou coa intervención do xerente do Servicio Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, e do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema Piñeiro. Baixo o título A traxectoria do Sergas como impulsor e referente para alcanzar a sustentabilidade e a resiliencia, unha proposta para repensar, Fernández-Campa falou sobre a transformación que experimentou o sistema de saúde pública de Galicia desde a aprobación da primeira Estratexia Sergas 2014, á que se lle deu continuidade coa Estratexia 2020, e que definiron os obxectivos estratéxicos e as liñas de actuación a seguir para consolidar un modelo sanitario innovador, sostible e centrado nos cidadáns.

Do mesmo xeito, o xerente do Sergas afondou tamén nos traballos previos e de diagnose que se están a facer para dotar ao sistema de saúde galego -que xa é unha administración referente desde o punto de vista da compra pública innovadora- da súa propia Estratexia de Economía Circular, unha folla de ruta na liña do documento marco que aprobou a Xunta onte pero adaptada ás necesidades específicas que presenta neste sentido o eido sanitario.

Para pechar o acto, o director do Xera fixo unha presentación titulada Contribución da industria forestal á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible e as metas fixadas no Acordo de París, que centrou na importancia que ten este sector na transición cara a economía circular, a mitigación do cambio climático e a fixación de poboación no rural, favorecendo a prosperidade ao proporcionar produtos e servizos renovables.

O termo sustentabilidade, como lembrou Lema Piñeiro, acuñouse na industria forestal. Por esta razón, a Xunta traballa coa cadea de valor, nun esforzo compartido xa que a industria forestal é a panca de cambio que axudará a resolver as demandas actuais da sociedade mellorando as vivendas; proporcionando mellor alimentación e embalaxes sustentables; revolucionando a industria téxtil con tecidos baseados en madeira; achegando novos produtos sanitarios que democraticen o acceso á hixiene; ou ofrecendo novas solucións enerxéticas e materiais que eviten o consumo de derivados fósiles.

Xunta de Galicia, 2019-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES