Notas de prensa

'Ponte...nas Ondas!' entrega os premios da II Edición do Certame Imaxes do Patrimonio

O Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo acolleu este luns 25 de novembro o acto de entrega de premios do 2º Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Foi nun evento conducido polo narrador e poeta Lois Pérez, que abriu o acto cun emotivo recordo da súa propia infancia e avoa, ilustrado con imaxes do seu arquivo familiar.

"A min gustábame ir á escola", dicíalle a súa avoa, "pero ás veces non podíamos porque tiñamos que ir coas vacas". Posteriormente, o alumnado premiado fixo lectura dos textos explicativos das imaxes galardoadas (Textos que poden atoparse aquí: http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/ ). A continuación, escoitaron un poema recitado por Lois Pérez acompañado dos acordes dunha guitarra elaborada con material reciclado. E a festa concluíu cunha actuación de Cé Orquestra Pantasma, quen puxo en pé a un auditorio entregado coas súas animadas pezas musicais.

Unha voda nos anos 50, no tempo onde os casamentos non celebraban no restaurante senón, moitas veces, na palleira; a desaparecida profesión dos tranviarios; familias gozando da festa da empanada; un dos primeiros trens de mercancías que pasou polo Porriño tirado por touras; repartimento de pan co burro Juanito en tempos de racionamento; o primeiro barco que chegou a Vigo despois da Guerra Civil traendo familias da emigración... Son algunhas das escenas que podemos ver nas fotografías premiadas no II Certame de Fotografía 'Imaxes do Patrimonio' convocado durante o pasado curso escolar pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas!

O xurado destacou a gran calidade das imaxes recibidas, así como tamén dos textos que acompañaban as fotografías con referencias explicativas. En total premiáronse oito imaxes nas categorías de ensino primario e secundario, sobre un total de trescentas cincuenta imaxes recibidas a concurso. Formaron este xurado Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. Xurado e asociación agradécenlle aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación nesta primeira edición do certame. O xurado proponlle ademais a Ponte...nas Ondas! que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.

As imaxes premiadas

Era obxectivo prioritario da convocatoria axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común. Con esa finalidade, propúxoselles que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.

A lista de gañadoras é a seguinte:

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: Yaiza Marina González de oliveira CEIP A Ponte (Lugo)

2º Premio: Abel González Ramilo CEIP da Cruz.Camos (Nigrán)

3º Premio: Ada Goyanes. CEP Sabarís (Baiona)


Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

1º Premio: Rocío Dagraza Alonso.IES de Mos (Mos)

2º Premio : María Fernanda Fernández Gómez. IES de Valadares (Vigo)

3º Premio: Ana Romero Rodríguez. IES Terra de Turonio (Gondomar)

Accesits: Lucía Fernández Pérez IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)
Yashira Ãlvarez Ramírez . IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)

Premio Especial á escola que enviou o conxunto maior de fotografías que, cumprindo as bases do Certame teñan grande relevancia polo seu contido: CEIP San Ramón de Moeche

As imaxes gañadoras e participantes poden visualizarse ao completo desde esta ligazón:
http://escolasnasondas.com/certame2019-fotografias-recibidas/

Máis de vinte anos de traballo en prol do patrimonio

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, organizadora do certame, leva máis de vinte anos traballando na divulgación do Patrimonio Inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado en anos anteriores nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial organizados pola Asociación. Un vizoso material que pode atoparse na web www.opatrimonio.org.

Ponte...nas Ondas! , 2019-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES