Notas de prensa

S.E.X. lánzase á rede como ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade na adolescencia

Este proxecto de educación sexual, para público adolescente e promovido por Illa Bufarda en colaboración ASEIA, foi unha das dez iniciativas recoñecidas na segunda edición do II Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña de proxectos culturais pola igualdade. Ademais da webserie S.E.X, cuxo primeiro episodio se estreou a semana pasada, a iniciativa inclúe unha consultaría virtual sobre sexualidade con persoas expertas na materia de ASEIA e a difusión por centros educativos de secundaria da provincia coruñesa.

A produtora Illa Bufarda, en colaboración con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paidea, vén de lanzar na rede a webserie S.E.X. como ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade destinada para adolescentes. Esta iniciativa, premiada na segunda edición do Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña, preséntase como un proxecto de educación sexual dirixido a adolescentes a través de diversas accións entre as que se inclúe unha canle de Youtube na que se publicará unha serie de seis capítulos que abordan de forma monográfica diferentes aspectos da esfera da sexualidade.

Deste xeito, cada unha das entregas tratará aspectos fundamentais para a adolescencia neste sensible campo para a configuración da identidade emocional: dende a atracción sexual e a diversidade (heterosexual, homosexual, bisexual, pansexual, asexual, etc.) até os cambios corporais, pasando polas falsas crenzas, polos estereotipos de xénero ou polo tratamento crítico dos ideais románticos. Así o adiantaron esta mañá en rolda de prensa o deputado provincial de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño; Sabela Iglesias e Adriana P.Villanueva, da produtora Illa Bufarda; e Vanessa Rodríguez Pousada, de ASEIA.

A webserie S.E.X., protagonizada por Noelia Liñares Mayo, Ãngel Calo e Iria Freire, estreou o pasado martes 15 de outubro o seu primeiro capítulo na súa canle da plataforma Youtube (https://www.youtube.com/sexwebserie) e lanzará un novo vídeo cada mes. Esta será a primeira tempada dunha serie que contará tamén cunha consultoría na que se interaccionará co público tanto con conversas en aberto, como dando a posibilidade de que as mesmas se realicen a través do correo (sexwebserie@aseiagalicia.gal). A consultoría estará desenvolvida por profesionais da Psicoloxía, Educación e Saúde especializados/as en Educación Sexual. Tamén se utilizarán como canles de difusión e contacto coa poboación adolescente o Instagram (@s.e.x._webserie). Ademais da webserie, o proxecto S.E.X. inclúe a difusión por diferentes institutos da provincia da Coruña con encontros co alumnado que contarán coa participación de profesionais da educación sexual de ASEIA, así como con membros do elenco de S.E.X.

Entre os obxectivos deste proxecto de educación sexual atópanse a necesidade de introducir a perspectiva feminista na educación sexual dos/as adolescentes como modo de promover a igualdade de xénero, a difusión de elementos básicos de saúde e prevención ante condutas de risco, a promoción do respecto cara á diferencia, o entendemento da sexualidade como un proceso humano que implica a aceptación en pé de igualdade da diversidade, a clarificación de dúbidas, mitos e medos como parte do proceso de descuberta da propia sexualidade e do pracer ou o tratamento crítico dos ideas románticos.

Illa Bufarda

Illa Bufarda nace no ano 2012 como un proxecto cultural, sensible e comprometido coa promoción e a divulgación da cultura dende un eido ben definido: a linguaxe audiovisual. Este proxecto está integrado por Adriana Pérez Villanueva e Sabela Iglesias Reviejo, comunicadoras audiovisuais con estudos en animación, deseño e fotografía. Entre o seu traballo audiovisual destacan pezas como Aberto e con fume, longametraxe documental de 2018 para a Comunidade de Montes de Tameiga e CSCD As Pedriñas; Patrimonio Habitado, longametraxe documental de 2016 sobre patrimonio inmateriais no Xurés; Fíos Fóra, longametraxe documental de 2015 sobre historias de obreiras entre costuras e patróns. Illa Bufarda, dende os seus incios, ten desenvolvido diferentes formacións creativas empregando o audiovisual como ferramenta de transformación social.

Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia

ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) nace en marzo de 2012 motivada pola crecente preocupación dun grupo de profesionais ante a complexa realidade da infancia e da adolescencia no momento que vivimos. Está formada por un equipo de traballo interdisciplinar procedente de diferentes ramas do coñecemento: Psicoloxía, Pedagoxía, Educación, Traballo Social, Medicina. ASEIA foi declarada Entidade de Interese Público pola Xunta de Galicia o 18 de maio de 2017, e forma parte do Consello de Saúde do Concello de Ourense e do Consello Asesor de Pacientes do SERGAS.

Deputación da Coruña, 2019-10-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES