Notas de prensa

Ponse en marcha o proxecto 'Sementes para a igualdade' para dar visibilidade ao papel da muller no rural

Presentouse ademais o primeiro vídeo desta campaña, protagonizado por Carmen Rodríguez, vicepresidenta de Clun e coordinadora do grupo Mulleres de Seu da Cooperativa. O vídeo é o primeiro dunha serie de catro, nos que se presentarán a experiencia doutras mulleres do rural para dar a coñecer a súa historia e experiencias para manter un rural vivo e activo.

Púxose en marcha hoxe, coincidindo coa celebración do Día da Muller Rural, o proxecto Sementes para a igualdade, que ten como obxectivo dar visibilidade e dignificar o papel feminino no medio rural.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, fixo público o primeiro vídeo desta campaña durante a xornada A vida no rural galego. O novo escenario europeo, organizada pola Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN). Precisamente, o primeiro vídeo está protagonizado por Carmen Rodríguez, vicepresidenta de Clun e coordinadora do grupo Mulleres de Seu da Cooperativa. No acto de clausura da xornada participou a secretaria xeral técnica da consellería do Medio Rural, María Jesús Lorenzana.

O vídeo presentado hoxe é o primeiro dunha serie de catro, nos que se presentarán a experiencia doutras mulleres do rural para dar a coñecer a súa historia e experiencias para manter un rural vivo e activo. En concreto, as protagonistas dos próximos vídeos serán Ana M. Corredoira, bióloga de formación e gandeira de profesión, ao fronte da súa propia granxa ecolóxica; Iria Otero, unha profesional do sector vitivinícola; e as as cinco mulleres do proxecto de cosmética galega Muulhoa.

Os obxectivos da campaña Sementes para a igualdade son, entre outros, promover accións que contribúan a concienciar sobre as desigualdades entre xéneros no rural; fomentar iniciativas emprendedoras de mulleres; e darlle visibilidade aos traballos das mulleres.

Protagonismo da muller no agro galego

Pola súa banda, a secretaria xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, María Jesús Lorenzana, defendeu na súa intervención o papel protagonista da muller no agro galego e avogou por seguir afondando nas políticas de igualdade neste eido, tendo en conta a súa decisiva contribución ao desenvolvemento rural, tanto dende o punto de vista económico como social e cultural.

Así mesmo, María Jesús Lorenzana puxo en valor o esforzo e a dedicación da muller rural ao longo da historia da nosa terra, un labor que –dixo– non sempre foi suficientemente recoñecido, pero que contribuíu decisivamente a preservar a personalidade propia do agro na comunidade autónoma.

Neste sentido, a secretaria xeral indicou que nos últimos tempos a situación da muller rural estase reforzando mediante o seu progresivo empoderamento e tamén grazas ao labor de asociacións como Mulleres de Seu, que fomentan a súa participación activa en diferentes ámbitos, como a formación, o asesoramento ou a mellora da súa cualificación e perspectivas profesionais.

Na mesma liña, Lorenzana destacou o reforzo da colaboración entre a Xunta e este colectivo que se puxo de manifesto recentemente nun encontro de traballo entre o conselleiro José González e a vicepresidenta de CLUN e coordinadora deste grupo, Carmen Rodríguez. Nesta xuntanza puxéronse as bases da futura cooperación entre as partes, que estará xestionada, dende a Consellería, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), por ser esta a entidade que coordina todo o relativo á formación e á transferencia de coñecementos ao agro.

Sementes para a igualdade, 2019-10-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES