Notas de prensa

AGACA presentou os resultados de 7 proxectos innovadores para o sector primario

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias presentou os resultados de sete proxectos nos que participa xunto con diferentes entidades investigadoras e produtoras de Galicia.Os proxectos contan con financiamento do FEADER, a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR).

No marco de ”Pulo ao Sector da Castaña: dende o souto ata a elaboración de produtos novidosos con castaña” analizouse o ciclo de vida, a pegada de carbono e a pegada hídrica asociados ao sector e creáronse novos produtos: fariña para rebozado (aínda en proceso de mellora), mortadela, friame,chourizo e flocos de castaña.

O Centro Tecnolóxico da Carne, explicou Inmaculada González, realizou unha análise sensorial mediante un panel de catadores que valoraron aspecto visual, olor, textura, sabor e valoración global. Comparados con produtos comerciais, o xamón e friame novidosos foron situados entre o entre 50-60% da escala positiva e os flocos no 71%. Os flocos de castaña apuntou González, “ao non ter gluten son moi interesantes para a industria alimentaria”.

Desenvolven o proxecto o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) e AGACA.

“Novos sistemas de manexo e implantación dun sistema de clasificación de canais de Porco Celta” foi presentado por Elisa Alonso, do Centro Tecnolóxico da Carne. As canais de porco celta presentan maior porcentaxe de magro, unha infiltración de graxa diferente e un crecemento máis lento que outras razas polo que no sistema habitual de clasificación de canais, estandarizado segundo as características doutras razas porcinas, adoitan recibir por defecto valoracións negativas. O proxecto, por tanto, realizou estudos físico químicos e organolépticos de canais de porcos celtas sacrificados a diferentes idades e con diferentes dietas para lograr criterios homoxéneos cos que lograr un sistema de clasificación adecuado a eles. O porco celta estudado procede de tres produtores da cooperativa Tres Fuciños; Isabel Costas, presidenta da entidade, explica que na actualidade a cooperativa produce a baixo etiqueta raza autóctona 100% e sacrifican reses de entre 110 e 120 kg.

Desenvolven o proxecto Tres Fuciños, CTC, Asoporcel e AGACA.

O proxecto “EUREL”, presentado por María Rey e Mario Fernández, técnicos de AGACA, céntrase na produción de leite competitivo e respectuoso co medio ambiente, estudou dez explotacións en varios modelos produtivos (dende o totalmente extensivo e ecolóxico ata o intensivo), para medir balances de nitróxeno e fósforo ademais da pegada de carbono, de xeito que se poidan identificar medidas que favorezan o medio sen reducir eficacia produtiva.

Entre as recomendacións ás granxas participantes: incrementar o consumo de forraxes propias, a rotación de cultivos e as leguminosas nas racións, incidir no encalado das parcelas para favorecer a asimilación de nutrientes nas plantas. En canto á pegada de carbono, os resultados mostran que aproximadamente o 47% procede de emisións entéricas ,o 48% de agronomía e alimentación (produción de pensos e cultivos), e o restante repártese enre consumo enerxético, xestión de residuos e transportes.

Desenvolven o proxecto Cooperativa Agraria Comarcal de A Coruña, AGACAL e AGACA.

Manuel Riveiro, de AGACAL, presentou o proxecto “Estercosol”, co obxectivo de crear un sistema de xestión enerxética sustentable e recirculación de nutrientes para explotación. A base do proxecto, explicou, é a utilización de bombas de calor que recolle calor procedente de depósitos de esterco deseñados no proxecto e o traslada aos invernadoiros para favorecer o mantemento da temperatura e o crecemento das plantas. Adicionalmente, traballa en reducir o adobo químico mediante un sistema de rega con ozono para oxidar a materia orgánica presente no esterco usado para adobar e, así, liberar os nutrientes que precisa a planta. Desenvolven o proxecto AGACAL e AGACA.

“Aproveitamento do metano nas granxas de vacún” busca reducir o impacto ambiental das emisións de metano asociadas ao gando estabulado e xerar un novo recurso enerxético valorizado na granxa. Presentouno Ãngela Rodríguez, responsable área de bioenerxía de Energylab. O proxecto aproveita o metano desprendido polas balsas de xurros, o que permitirá reducir os gases de efecto invernadoiro e lograr un gas valorizable na explotación, o cal, indicou Rodríguez, “vai na liña das políticas que están sendo adoptadas polas administracións” en materia de medio ambiente.

Antonio Fernández, profesor da Universidade de Vigo, explicou que o sistema de control do circuíto de toma e medición do gas, se deseñou tratando de usar compoñentes de baixo custo e software baseado na nube e na Internet das cousas, facilitando así a súa xestión polos gandeiros, para o cal se preparan tamén guías.

Desenvolven o proxecto a Universidade de Vigo, Energylab, SAT San Miguel e AGACA.

O proxecto “Vacún cervexeiro” consiste na produción de gando vacún en sistema extensivo alimentado con pasto e produtos naturais e de proximidade. O obxectivo, segundo Lucio García (responsable de investigacións do CTC), é “manter o extraordinario perfil graxo que trae o tenreiro que medra comendo herba e mamando para que non cambie” durante os tres meses que pasa estabulado para acabado antes de sacrificio, e así lograr unha carne diferenciada de calidade, que se comercializará con marca propia. Como parte da avaliación do produto, o CTC organizou un panel de cata onde as carnes de gando alimentado polas fórmulas preparadas no proxecto obtiveron os mellores resultados.

Ademais, a Universidade de Vigo deseñou un sistema de monitorización de reses mediante tecnoloxías de xeoposicionamento, para poder controlar o rabaño sobre a superficie onde se traballou, na Serra do Suído. Tamén estudaron sistemas de son para reclamo e alerta do gando.

Desenvolven o proxecto Arturo Baqueiro Gabián, CTC, Universidade de Vigo e AGACA

“Cabras 4.0” consiste en poñer en marcha un dispositivo virtual que permita controlar o rabaño a distancia, dende a pantalla dun computador ou dispositivo portátil, e responde, como indicou David Meana, técnico de Energylab, ás dificultades que supón o manexo de grandes rabaños caprinos. O proxecto elaborouse na Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Meira, nunha área de 450 hectáreas e cun rabaño de 150 cabezas, que contribúe ao control da matogueira. O proxecto inclúe un sistema de desinfección ultravioleta da auga e un de desinfección do aire do establo por ozono, para mellorar o benestar animal.

Desenvolven o proxecto a Comunidade de Montes en Man Común de Meira, EnergyLab e AGACA.

En canto ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), baixo o que se desenvolven os proxectos con financiamento FEADER, o subdirector xeral de Formación, Innovación e Investigación Agraria, José Antonio Portos, afirmou que o Programa “busca iniciativas aplicables e reproducibles para abranguer máis mercados e levar ao territorio a actividade real que permita fixar poboación” e incidiu na importancia da formación.

Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), 2019-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES