A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou que a ciberseguridade é un elemento chave no proceso de transformación dixital que estamos a vivir e un dos vectores sobre os que se está a elaborar a estratexia dixital de Galicia para a próxima década. A responsable da política tecnolóxica da Xunta inaugurou o I Congreso de ISACA en Santiago, que reúne a preto dun cento de profesionais do ámbito da ciberseguridade.
Na súa intervención, Pereira sinalou que a vida é dixital e a seguridade e a confianza son elementos fundamentais para que os cidadáns se desenvolvan axeitadamente neste contexto. Lembrou a aposta do Goberno galego pola ciberseguridade cun Plan aprobado no Consello da Xunta, que se acaba de reformar para adaptarse aos últimos cambios normativos e que tamén inclúe máis medidas e un incremento orzamentario.
Segundo recordou a directora da Amtega este plan contempla alianzas estratéxicas con outras entidades para mellorar e compartir experiencias no eido da ciberseguridade. Neste sentido indicou que se está a pechar unha nova liña de colaboración co Incibe.
Plan de Seguridade TIC
Entre 2015 e 2018 investíronse 6,4 millóns de euros nas actuacións do Plan de Seguridade TIC, que conta cun orzamento de 10,9 millóns de euros ata 2021. O Plan, cuxa ampliación foi aprobada polo Goberno galego o pasado mes de abril, incorpora novas actuacións a nivel formativo, normativo, organizativo e de protección para garantir a prestación duns servizos dixitais de calidade, dispoñibles e seguros para os cidadáns.
Sobre ISACA
Establecida en 1969, ISACA é unha asociación global sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 135.000 profesionais en 188 países, do eido da ciberseguridade. ISACA axuda aos profesionais globais a liderar, adaptar e asegurar a confianza nun mundo dixital en evolución ofrecendo coñecemento, estándares, relacións, acreditación e desenvolvemento de carreira innovadores e de primeira clase.
A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.