Notas de prensa

Afundación presenta o seu estudo 'A Economía Galega. Informe 2018'

Afundación e ABANCA presentaron, en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Investigacións ABANCA de IESIDE, na Sede Afundación de Santiago de Compostela, 'A Economía Galega. Informe 2018'. Este estudo socioeconómico de referencia, que se vén publicando desde 1986, preséntase nesta ocasión tanto a súa versión extensa online como a máis dinámica do resumo executivo en papel.

No acto estiveron Pedro Otero, director xerente de Afundación e secretario xeral de IESIDE; Pedro Veiga, director adxunto de Planificación Estratéxica e PMO de ABANCA e coordinador do Centro de Investigaciones ABANCA de IESIDE; e Alberto Meixide, director do IDEGA da USC e coordinador do estudo.

A Economía Galega. Informe 2018

Nun contexto internacional non tan favorable como nos últimos anos, o IGE estimou un incremento do PIB galego do 2,8 %, catro décimas menos que en 2017. Con esta desaceleración da actividade, Galicia mantivo a sintonía coa traxectoria observada no conxunto de España, aínda que neste último caso a taxa de variación do PIB foi do 2,6 %. A mellor evolución da economía de Galicia permitiu reducir as diferenzas respecto de España e a zona euro, e a converxencia aínda é maior se se teñen en conta os valores do PIB por habitante.

Desde a perspectiva da demanda, a interna foi a principal impulsora do crecemento do PIB galego. Incrementouse en torno a un 3 %, o que supuxo unha achega ao crecemento dun 2,9 %. A contribución da demanda exterior a Galicia foi negativa debido a que o importado en bens e servizos creceu a un ritmo maior que o exportado. Desde o lado da oferta, apréciase un menor dinamismo da totalidade dos macrosectores coa excepción da industria. Non obstante, a construción foi o sector galego que mantivo un ritmo máis alto de crecemento, un 6,1 %, o que denota a súa paulatina recuperación.

En 2018, no mercado de traballo galego apréciase a maior creación de emprego en 11 anos. A evolución positiva da ocupación mantívose no inicio de 2019. Neste contexto, o número de desempregados segue reducíndose e a recuperación chega por fin aos parados de moi longa duración. Non obstante, observouse un menor dinamismo na creación de emprego que a media do Estado e, tamén, segue o decaemento da poboación activa.

Coa recuperación económica, volveu diminuír o peso relativo do sector agrario en Galicia. Porén, continuou a dinámica expansiva da produción láctea, cun crecemento das entregas á industria do 3 % en 2018. O incremento das producións gandeiras foi contrarrestada pola contracción nas ramas vexetais, orixinando un estancamento do output global do sector agrario galego.

Nas actividades do mar, a pesca fresca caeu en volume e en facturación, pero acadou a cotización máis alta no que vai de século. No sector pesqueiro mantense a incerteza sobre o impacto económico dun Brexit que pode roldar os 535 millóns de euros. Na acuicultura, a pesar das limitacións derivadas da falta dunha lei, a produción da piscicultura mariña de Galicia aumentou un 32 % no que vai de década.

O VEB da industria galega incrementouse un 3,8 %, un punto máis que o aumento do PIB. A xeración de enerxía medrou en 2018 un 11,1%, con crecementos elevados en todos os trimestres do ano, pero, en particular, no inverno. Mantívose o elevado grao de utilización da capacidade produtiva na industria manufactureira, se ben a produción descendeu na automoción, confección e industria do moble. Os prezos industriais medraron un 3,3 %, polo que persistiu a tensión inflacionista.

No sector da construción, Galicia foi a sétima comunidade de maior investimento público por habitante, con 390 euros, superando en 30 euros a media española. A oferta de vivenda española consolidou en 2018 a súa melloría mentres que en Galicia o nivel de actividade inmobiliaria foi relativamente menor. A demanda de vivenda medrou en España e Galicia e a usada é a que segue dominando o mercado inmobiliario.

O VEB nos servizos medrou un 2,5 %, cunha traxectoria moi irregular ao longo do ano. En xeral, se ben a maioría das ramas do terciario tiveron un comportamento expansivo en 2018, o índice da cifra de negocios do comercio polo miúdo amosou unha desaceleración e a demanda turística experimentou un retroceso. En sentido contrario, en 2018 produciuse un novo récord nos aeroportos galegos con máis de 5 millóns de pasaxeiros.

No comercio galego co estranxeiro acadouse en 2018 un novo récord nas exportacións e importacións de bens, aínda que diminuíu o saldo comercial. Mantívose o liderado nas exportacións galegas da confección de prendas de vestir, se ben o fluxo foi moi similar ao de automoción. Os sete principais países de destino pertencen á zona euro, salvo o Reino Unido.
Canto ao sistema financeiro galego, apreciouse unha redución do 4 % na rede de oficinas, finalizando 2018 con 1491 sucursais, o 5,7 % do total estatal. En liña coas entidades financeiras españolas, a xestión continuou centrándose en minimizar o impacto negativo que sobre a marxe financeira exerce o contexto de tipos de xuro reais negativos.

Na Administración autonómica, a liquidación do exercicio de 2018 confirma a recuperación do equilibrio orzamentario, acadando Galicia un superávit de 104 millóns de euros. O sector público local galego segue a presentar as mesmas características diferenciais respecto dos seus homólogos do resto do Estado: raquitismo orzamentario (o gasto en euros por habitante sitúase no 78,7 % da media nacional), derivado, en gran medida, da súa inhibición fiscal (os ingresos por tributos unicamente acadan o 71,2 % da media estatal).

Canto ás previsións para 2019, ante o camiño relativamente paralelo que están seguindo as economías galegas e españolas, cabe supoñer que o PIB de Galicia medrará entre un 2,1 % e un 2,2 %. O máis notable nos primeiros meses do ano, en sentido negativo, foi a brusca caída na produción industrial galega e o descenso das exportacións ao estranxeiro. Do lado positivo cómpre subliñar un comportamento máis expansivo nos servizos, cunha actividade turística que está recuperando a súa senda de crecemento.

Afundación, 2019-07-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES