Notas de prensa

Segundo Encontro do Deseño Galego en Ferrol, coa atención posta na innovación centrada nas persoas

Con este Encontro, que se celebrará o 28 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño, búscase seguir abrindo canles de contacto e colaboración entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, especialmente as pemes. Está dirixido a profesionais, empresas, entidades de innovación e estudantes de Tecnoloxía e Deseño.

O evento, que coincide coa véspera do Día Mundial do Deseño Industrial, permitirá coñecer as últimas tendencias de deseño a nivel internacional a través de profesionais galegos que son referentes no sector.

Participarán : Iván Mato, director creativo de Jones Knowles Ritchie e ex director creativo de Nokia; Coca Rivas, experta en deseño de servizos, que traballa para o sector público do Reino Unido; Isaac Piñeiro, cofundador de Nadadora e fundador de Isaac Piñeiro Design Studio; Manuel Vázquez, consultor de deseño estratéxico e innovación para empresas como BBVA, Orange, Media Markt e Repsol; e Nuria Carballo, fundadora de Unconventional London e con proxectos para marcas como Timberland, Chanel, Evian ou Heineken.

A xornada completarase coa experiencia de dúas empresas na incorporación do deseño á súa estratexia de negocio: a multinacional Nationale-Netherlanden, da man do seu director de innovación, e a peme galega María Martínez Otero, a través da visión do seu director de obra civil.

Novas accións

Durante o encontro, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, fará balance do primeiro ano de traxectoria do Programa de Deseño para a Innovación 2020 e presentará as novas accións que a Xunta de Galicia está a promover para impulsar o deseño galego como ferramenta competitiva nas empresas, especialmente nas pemes.

Entre estas novidades figura a publicación ‘O deseño como motor. Casos de éxito’, que será presentada durante o encontro, e a Materioteca de Galicia, que acaba de ser inaugurada no CIS Tecnoloxía e Deseño e que os participantes na xornada poderán visitar. A ela súmanse un catálogo online de profesionais do deseño galego e unha iniciativa para difundir documentación en imaxes sobre a historia do deseño industrial en Galicia.

No encontro daranse cita deseñadoras e deseñadores galegos de todas as disciplinas (gráfico e comunicación visual, de produto e industrial, audiovisual e multimedia, espazos, moda e estratéxico), estudantes desta especialidade e representantes de empresas e doutras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade nas súas organizacións.

O Programa de Deseño para a Innovación 2020 é a iniciativa coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), para abrir canles de contacto produtivas entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, difundir casos de éxito e boas prácticas e impulsar o deseño como factor de competitividade para o tecido industrial de Galicia. Esta iniciativa está aliñada cos obxectivos dos dous proxectos europeos deste ámbito nos que participa GAIN: o Design4Innovation e o User-Factor, iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area orientadas a crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

Xunta de Galicia, 2019-06-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES