
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, inaugurou hoxe na Biblioteca Central do Campus de Ourense, xunto á vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas; e ao director do grupo de investigación GEN, Santiago Lago, o III Congreso Red Localis centrado nos "Retos das Entidades Locais ante a transformación dixital da xestión pública".
Rosendo Fernández destacou a participación de relatores procedentes de diferentes Universidades e Administracións de todo o país, así como tamén a importancia dos temas que serán obxecto de debate durante o Congreso, "temas que resultan trascendentais e estratéxicos para o sector público en xeral, e para o sector público local en particular, como son a ética pública e o bo goberno, a transparencia, a rendición de contas ou a xestión intelixente aplicada ás Administracións".
A terceira edición do Congreso Red Localis desenvolverase os días 20 e 21 de xuño no Campus de Ourense, onde se darán cita máis de 70 especialistas en administración municipal, tanto estatal como internacional, para abordar os desafíos do municipalismo para o século XXI, como son a transparencia, a xestión eficiente, a sostibilidade e a innovación na selección de persoal. O programa desenvolverase en catro bloques con ponencias temáticas a cargo dos diferentes participantes.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.