Notas de prensa

O chef Paco Roncero, pregoeiro da XVIII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide contará co chef Paco Roncero, un dos máis importantes do panorama gastronómico nacional dentro e fora das nosas fronteiras, como pregoeiro da súa vixésimo oitava edición. O evento terá lugar o domingo 12 de maio en Melide pero, ademais, o chef galardoado con dúas estrelas Michelin amosará tamén as súas cualidades na cociña nun showcooking doce con degustación o sábado 11 de maio.

Pero máis aló de Roncero, o Concello de Melide nomeará aos embaixadores e embaixadoras da festa, que se comprometen a poñer en valor e dar a coñecer os doces únicos no mundo da comarca melidense. Nesta edición, os galardoados serán 8 persoeiros a nivel autonómico e nacional do mundo da cultura, a gastronomía, o deporte e o mundo empresarial: o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteirae instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs Marías Varea de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

Como ven sendo habitual, a cita gastronómica contará tamén cun amplo programa lúdico e cultural para todos os públicos, con actividades que se repartirán ao longo de todo o fin de semana do 11 e 12 de maio, e entre as que se encontran actuacións musicais a cargo de Claudio Spadi – músico oficial de Florencia, Italia – a banda tributo a Sabina La Pénultima, Gin Toni’s e, xa o domingo, o coñecido grupo Milladoiro. Tamén terán o seu lugar na festa a agrupación de música tradicional Froito Novo e a Banda de Música de Arzúa, ademais de animación de rúa coas charangas Ardores e Santa Compaña. Os máis cativos da familia poderán gozar do espectáculo Radio Bule Bule de Paco Nogueiras.

Durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá no Café Casino de Santiago de Compostela, a alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, manifestou a súa satisfacción por “ter un chef da talla de Paco Roncero na Festa do Melindre, o que demostra a forte aposta feita dende o Concello para continuar situando a Melide e a súa repostaría no mapa gastronómico nacional”.Un Coffee Tour e a tradicional campaña en colaboración con Doa Sangue, como promoción previa á festa.

Coma pistoletazo de saída, o Concello de Melide porá en marcha, dende hoxe e ata o vindeiro 3 de maio, o Coffee Tour da Festa do Melindre, que repartirá entre os clientes dos principais cafés históricos de Galicia melindres, ricos e amendoados como petisco doce. Tralo inicio de hoxe no Café Casino de Compostela, a ruta continuará o 29 de abril no Café Moderno de Pontevedra; o día 30 na cafetería La Dársena de A Coruña; o 1 de maio no Café del Centro de Lugo; o día 2 en La Coruñesa de Ourense; e rematará o venres 3 de maio no café De Catro a Catro de Vigo.

Ademais, a Festa do Melindre e o Centro de Transfusións de Galicia renovan un ano máis a súa xa tradicional colaboración, cunha campaña solidaria que recompensará a todos os que se acheguen a doar sangue en Melide, A Coruña, Pontevedra e Santiago os días 26 e 27 de abril, cun doce agasallo composto por melindres, ricos e amendoados; e un programa con información sobre o evento.

O chef Paco Roncero

Paco Roncero é un dos máximos representantes da vangarda culinaria española dentro e fóra das nosas fronteiras. Formouse na Escola de Hostalería e Turismo de Madrid e realizou stages en Zalacaín e no Hotel Ritz ata que en 1991 se incorporou ao persoal do Casino de Madrid. A explosión da súa personalidade creadora produciuse tras poñerse ao mando da xefatura de cociña deste establecemento, incluíndo a dirección da área de banquetes e o restaurante La Terraza del Casino, que na actualidade conta cos dúas estrelas Michelin e tres soles Repsol.

Roncero conta ademais con algúns dos premios gastronómicos máis prestixiosos, como o Chef L' Avenir 2005 outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía, e o Premio Nacional de Gastronomía 2006 da Real Academia de Gastronomía Española.

Entre as achegas do chef ao universo culinario destacan a creación dun taller de investigación ao redor da cociña e ás emocións único no mundo, PacoRonceroTaller; o desenvolvemento dun software para mellorar o rendemento de xestión na contorna gastronómica, “Gestor de Cocina”; e a publicación dos libros “Tapas y Gastronomía del S XXI” -dúas veces premiado e traducido a varios idiomas-, “Bocadillos y Ensaladas”, “Tapas en Estado Puro”, e o recente “Correr, cocinar y ser feliz”.

Ademais de ser un amante do deporte, chef executivo e director do NH Collection Casino de Madrid e do seu restaurante La Terraza del Casino; Roncero tamén é propietario dos gastrobares Estado Puro en Madrid, Xangai e Curitiba; de “La Canica” en San Miguel de Allende (México); de “Versión Original” e “Orígen” en Bogotá; de Pata Negra en Cartagena de Indias (Colombia) e de Sublimotion, o restaurante máis avanzado e innovador xamais imaxinado que se sitúa no hotel Hard Rock de Ibiza.

Roncero foi tamén presentador durante dúas tempadas do programa Top Chef de Antena 3 xunto a Alberto Chicote e Susi Díaz; e xurado do programa Masterchef Colombia.

Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide, 2019-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES