Notas de prensa

A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña analizou as relacións entre a lingua galega e os xéneros

A Deputación da Coruña acolleu este venres a cuarta xornada do programa Malas linguas: activando falantes para o século XXI arredor, desta volta, da relación da lingua e o xénero. A vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, apostou na súa intervención por unha "lingua inclusiva". 'Malas linguas' terá o seu feche de ouro o vindeiro martes 14 de maio en Ponteceso coincidindo co Festiletras.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín lanzou a pregunta: “Por que as mulleres usamos menos o idioma galego cós homes?”. Afirmou a vicepresidenta que “de maneira sistemática, aínda que sexa nunha porcentaxe pequena, os estudos cuantitativos así o reflicten. Pasan os anos e sigue habendo esa diferenza”, afondando en que “esa preocupación está focalizada desde principios do século pasado nas mulleres das clases medias e altas porque as das clases populares xa falaban galego”.

Así, cos exemplos daquelas mulleres contemporáneas ás Irmandades da Fala e a Xeración Nós, Goretti Sanmartin serviuse dun documento de 1929 para amosar que esa preocupación non é nova: “O sector galeguista da época xa analiza o motivo polo cal as mulleres falaban menos o galego”. Desgranou algúns dos motivos, como que “as mulleres usamos máis a lingua de prestixio, tendemos ao estándar e somos as que máis abandonamos a lingua a causa da nosa subordinación social. Ao homes se lles permite saírse da norma, ás mulleres non”.

Desterrar a “galegofobia”

Neste sentido, a vicepresidenta avogou por aproveitar que “é un orgullo ser feministas agora” para “que as mulleres recuperemos a lingua” e “continuemos creando unha lingua inclusiva”. Pola súa banda, a coordinadora das xornadas Malas Linguas, Olalha Barro, tomou a palabra para facer fincapé nese aspecto: “Quixemos contribuír a unha onda de galeguización aproveitando a onda do feminismo”.

A técnica explicou que o obxectivo último das xornadas non é outro que “reverter a desterrar a galegofobia, ese neofranquismo lingüístico”; falar de “violencias naturalizadas que estamos a sufrir as persoas galegofalantes” poñendo exemplos na crianza, no ámbito laboral ou na vida veciñal: “Ás veces, vémonos na obriga de ter que renunciar a algo tan íntimo como a lingua”. Por iso, sinalou, “necesitamos lugares onde estar seguras para usar a lingua” e “contar con equipas transdisciplinares con filólogas, si, mais tamén con sociólogas, politólogas... que contribuan a activar o galego e vencer unha violencia máis”.

Relatoras

Participaron nesta cuarta xornada de Malas Linguas: a educadora social e experta en xénero Patricia Porto Paderne, da Libraría Lila de Lilith (Argumentos para o galego); a xornalista, traductora e doutora en Estudos de Tradución pola Universidade de Vigo, Olga Castro, ademais da filóloga Noemi Basanta, licenciada en Filoloxía Galega e Portuguesa pola USC, e Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía e mestrada en Estudos de Xénero (O galego, unha lingua inclusiva?); a profesora de Socioloxía da UDC, Antía P. Caramés, a activista feminista e editora do fanzine Galiza Nación Cuir, Ximena González (Políticas lingüísticas e de xénero: unha complementariedade necesaria) e Zinthia Álvares Palomino, Mar Lugo e Jeane Costa, activistas afrodescendentes (Argumentos para o galego).

Quinta xornada en Ponteceso

Malas linguas terán o seu feche de ouro o vindeiro martes 14 de maio en Ponteceso coincidindo co Festiletras. Será un espazo colectivo artellado polas propias personas participantes, unha posta en común para seren capaces de trasladaro todo o aprendido ao seu lugar de traballo.

Deputación da Coruña, 2019-04-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES