Notas de prensa

A Deputación de Lugo organiza unha nova xornada sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia

Presentouse no Museo Provincial de Lugo a II Xornada de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense. A cita será o vindeiro 22 de marzo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e analizaranse as covas paleolíticas de Eirós en Triacastela, a de Valdavara en Becerreá e a da Valiña en Castroverde, entre outras. Neste encontro que leva por titulo, “As Covas: portas a outros mundos”, participarán catedráticos, profesores, arqueólogos, e expertos en patrimonio.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este luns no Museo Provincial a II Xornada de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense que promove o Goberno da Deputación. “A cita será o vindeiro 22 de marzo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e analizaranse as covas paleolíticas de Eirós en Triacastela, a de Valdavara en Becerreá e a da Valiña en Castroverde, entre outras”, avanzou a Deputada.

García Porto remarcou que “neste encontro que leva por titulo, “As Covas: portas a outros mundos”, participarán catedráticos, profesores, arqueólogos, e expertos que abordarán o panorama actual sobre os contidos arqueolóxicos da provincia, así como diferentes propostas para a divulgación destes restos pre-históricos”.

“A través desta xornada queremos contribuír a establecer canles de comunicación coa sociedade a través da transversalidade dos museos fomentando o debate e actualizando contidos arqueolóxicos, así como estimular e educar patrimonialmente á comunidade a través do coñecemento e da dinamización sociocultural, e resaltar o noso patrimonio coa súa identificación e visibilidade”, explicou.

A Deputada sinalou que “esta é a segunda cita sobre o Patrimonio Arqueolóxico lucense que promove o Executivo Provincial. Na primeira edición realizamos o encontro sobre Santa Eulalia de Bóveda (2018), ademais do Congreso Internacional de arqueoloxía do ouro, que contribuíu a difundir e promover as coleccións de ourivería antiga do Museo Provincial, ao tempo que serviu para dar a coñecer as diferentes achegas científicas existentes relacionadas co ouro antigo”.

Inscrición gratuíta

Esta xornada de divulgación científica, completamente gratuíta, esta aberta a todos os públicos. Entregarase un diploma acreditativo de asistencia á xornada (8 horas lectivas). Na paxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal e do Museo Provincial, haberá un banner habilitado para inscribirse nesta xornada.

Programa
“As Covas: portas a outros mundos”
22 de marzo no Salón de Actos de San Marcos

Mañá
9:30 h. Acreditación asistentes
10:00 h. Presentación oficial
10:15 h. Primeira charla: “Covas de Eirós e Valdavara: afondando na investigación do Paleolítico galaico”. Ramón Fábregas Valcarce, Catedrático de Prehistoria da USC.
11:00 h. Segunda charla: “A Cova da Valiña trinta anos despois: prehistoria da Prehistoria”. César Llana, arqueólogo e director Museo Etnolóxico de Ribadavia
11:45 h. Pausa
12:15 h. Terceira charla:“Descubriendo el Paleolítico del sureste peninsular: investigación y divulgación científica en la Cueva del Arco (Cieza, Murcia)”. Ignacio Martín Lerma, profesor de Prehistoria da Universidade de Murcia, vicedecano da Facultade de Letras e director da escavación.
13:15 h. “O papel do patrimonio arqueolóxico no desenvolvemento local e na sustentabilidade territorial: estratexias de difusión e comunicación”. Mesa redonda moderada por Aurelia Balseiro e composta polos anteriores poñentes máis os seguintes convidados: Carlos Fernández Rodríguez (Universidade de León) e Arturo Lombera Hermida, GEPN-AAT (USC)
14:00 h. Debate Coloquio

Tarde
17:00 h. Visita técnica explicativa a cargo de Arturo Lombera á exposición sobre as covas das serras orientais galegas: Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde) no Museo Provincial de Lugo, complementada cunha demostración elemental de talla en seixo.

Deputación de Lugo, 2019-02-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES