Notas de prensa

Afundación presenta en 'Sonoro empeño' un mes de cine, concertos, pasacalles, talleres, charlas e experiencias interactivas

Afundación, a Obra Social de ABANCA, no seu propósito de potenciar as experiencias interactivas dentro das súas actividades, presenta este mes de febreiro novas propostas lúdico-educativas vinculadas a «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación», un proxecto expositivo que ilustra a relación entre as artes plásticas e a música, con obras de Picasso, Kandinsky ou Lugrís.

O proxecto ten dous obxectivos fundamentais: estender a programación máis aló da propia exposición, mostrando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e desenvolver a actividade cultural fóra dos espazos onde se realiza tradicionalmente.

A programación de febreiro comeza o sábado día 9, ás 19.00 h, co Coro da Rá, unha agrupación vocal a capela que utiliza o teatro e a performance para cantar en calquera situación e localización, e que nesta ocasión realizará un pasacalle que partirá desde a Sede Afundación no que convidarán aos viandantes a participar.

O día 12 de febreiro, ás 19.00 h, no auditorio da sede, celebrarase o encontro «O proceso creativo. Enfiando constelacións» coa poeta Estíbaliz Espinosa, Premio de Poesía Afundación 2017, como moderadora e no que intervirán a compositora e cantante Guadi Galego, o chef Pepe Solla e a artista Ana Soler.

Estíbaliz Espinosa volverá participar nesta programación de actividades coa intervención «A ombros de xigantes vermellas» que conxuga poesía, divulgación científica e música en directo. Será o xoves 21 de febreiro ás 19.30 h.

Os xoves 14 e 28 de febreiro, a partir das 19.30 h, terán lugar os «Paseos musicais a “Sonoro empeño”», unha visita especial á exposición con música en directo.

Todos os luns de febreiro (os días 4, 11, 18 e 25), ás 19.00 h, proxectaranse os filmes escollidos para formar parte do ciclo de cinema sobre arte e música «Sonoro empeño»: Loving Vincent, de Dorota Kobiela e Hugh Welchman (2017); A dama de ouro (Woman in gold), de Simon Curtis (2015); Big Eyes, de Tim Burton (2014); e O profesor de violín (Tudo o que aprendemos juntos), de Sérgio Machado (2015). A entrada é gratuíta con invitación, que se poderá recoller na Sala de exposicións.

«Os fíos prodixiosos da música», «Aporrear con sentido tamén é música», «O vento que se desliza produce música» e «Pentagramas máxicos» son os títulos dos obradoiros de traballos manuais dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos que se celebrarán todos os sábados do mes de febreiro na Sede Afundación da Coruña.

Tamén haberá espazo para a interacción coas novas tecnoloxías e os concursos. Ademais da mesa interactiva que está situada na propia sala, instalouse un piano xigante na entrada da Sede Afundación para que os viandantes poidan «tocalo» e xogar con el ao seu paso. Poden compartir este momento no seu perfil de Instagram e participar así no concurso #SonoroEmpeño para gañar unha subscrición durante un ano a Spotify Premium.

Como colofón a esta extensa e completa programación de actividades, a artista portuguesa Maria do Ceo presentará en concerto o seu novo disco, A fadista. Será o día 1 de marzo a partir das 19.00 h na propia Sala de exposicións, onde se poderá adquirir o álbum.

Así mesmo, durante este mes reforzarase a oferta de visitas comentadas: ademais das que se veñen realizando todos os mércores ás 19.00 h, engadiranse visitas guiadas todos os venres ata que finalice a exposición (1, 8, 15 e 22 de febreiro) ás 20.00 h. É unha actividade gratuíta sen necesidade de inscrición previa.

Afundación, 2019-01-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES