Notas de prensa

A Deputación da Coruña presenta un programa para acelerar a transformación dixital nos pequenos concellos da provincia

O programa PEL-Concello Dixital permitirá a contratación de técnicos especialistas que darán soporte in situ e acelerarán a implantación da e-administración nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes. A través desta iniciativa a Deputación da Coruña fomenta a creación de emprego, a formación e a cualificación do persoal da administración local.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou hoxe a posta en marcha do novo programa PEL-Concello Dixital, co que o goberno provincial pretende impulsar a transformación dixital dos concellos coruñeses en 2019.

O presidente explicou que a Deputación vén de aprobar a inclusión no Plan de Emprego Local (PEL) dunha nova liña denominada PEL-Concello Dixital, cun orzamento de 693.209 euros, que permitirá a contratación de técnicos especialistas que darán soporte in situ e acelerarán a implantación da e-administración nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
Segundo explicou Valentín González Formoso, a través desta iniciativa a Deputación da Coruña “crea emprego, axuda a mellorar a formación e cualificación do persoal da administración local e dá resposta a unha demanda existente nos concellos nun campo que está en constante evolución”, cumprindo ademais as responsabilidades que a Lei de Racionalización e Sostenibilidade Local (LRSAL) atribúe ás deputacións no proceso de impulsar a transformación da administración electrónica a nivel local.

Promover a innovación nos servizos públicos municipais

“Dende a Deputación queremos promover a innovación e a mellora na calidade dos servizos públicos dos concellos coruñeses, fomentando ao mesmo tempo unha maior transparencia, comodidade e accesibilidade da cidadanía nas súas relacións diarias coa administración”, afirmou González Formoso, que destacou o “carácter pioneiro” e “estratéxico” deste programa, que ten como obxectivo “actuar como catalizador da transición cara unha administración local 100% electrónica” e “conseguir que a provincia da Coruña sexa un referente e un exemplo de boas prácticas neste ámbito”.

A Deputación Provincial da Coruña conta cunha dilatada traxectoria no campo de provisión de tecnoloxía, soporte e servizos TIC aos municipios coruñeses que a converten no principal referente tecnolóxico para os concellos da provincia. Ao longo dos últimos anos, o goberno provincial veu desenvolvendo distintos proxectos de modernización e dixitalización da administración provincial, así como de implantación de novas tecnoloxías nos concellos, singularmente nos máis pequenos, con menor capacidade técnica e económica para adaptarse á dixitalización.

Transición cara unha administración local 100% electrónica

Para a implantación do programa PEL-Concello Dixital, o servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación contará coa colaboración técnica da consultora tecnolóxica Everis, que vén de gañar a licitación pública para a coordinación do programa e que conta cunha dilatada experiencia neste ámbito, tanto no sector público coma no empresarial.
O programa suporá a contratación dun xefe de proxecto, dous coordinadores e un mínimo de 9 axentes altamente cualificados (titulados universitarios con máis de dous anos de experiencia no desenvolvemento de proxectos de formación e transformación dixital na administración).

Equipo multidisciplinar de expertos e plan de formación

O equipo contará con expertos en aspectos coma contratación eléctronica e procedemento administrativo , xestión documental e de arquivos, protección de datos, ciberseguridade ou tecnoloxías de comunicación , que realizarán o seu traballo nos concellos da provincia, formando ao persoal municipal, asesorando e favorecendo a implantación da Administración Dixital nestes e outros ámbitos (tanto os desenvolvidos directamente pola Deputación como os xestionados pola Xunta de Galicia ou pola Administración do Estado), así como nos asociados á implantación da tramitación electrónica de expedientes TEDeC e outras plataformas integradas (SIR, Notifica. gal, sedes electrónicas municipais, plataformas autonómicas e estatais, etc.), garantindo os dereitos dos cidadáns para relacionarse por medios electrónicos coa Administración, e promovendo a transparencia.

O plan de formación que inclúe o programa pretende chegar a máis de 600 empregados públicos da provincia no prazo de un ano, a maior parte persoal administrativo, pero tamén secretarios, tesoureiros, interventores e responsables de Informática dos concellos da provincia.

Deputación da Coruña, 2019-01-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES