Notas de prensa

A Real Academia Galega de Ciencias premia un traballo que usa a nanotecnoloxía para frear a metástase no cancro de colon

Investigadores da Universidade de Santiago lideran o traballo científico que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de distinguir co Premio de Investigación Ernesto Viéitez 2018 e que propón o uso de nanopartículas para aplicar terapias diana capaces de frear a metástase do cancro de colon no fígado. O equipo da USC conta ademais coa colaboración de científicos vascos, franceses e alemáns.

Na categoría de investigadores mozos, o premio foi para un enxeñeiro informático da Universidade da Coruña que achega unha solución capaz de facilitar o traballo dos programadores na resolución de problemas científicos de gran envergadura a través da computación avanzada. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo sétima edición, entregaranse o 23 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns levan o nome Premios de Investigación, na honra do anterior presidente da institución.

Nanopartículas para terapias diana

Liderado polos investigadores da USC Alejandro Sánchez Barreiro e Inés Fernández Piñeiro, o proxecto gañador propón o uso de nanobiotecnoloxía para deseñar terapias diana capaces de reducir a metástase do cancro de colon no fígado ata nun 80%. A investigación foi publicada este ano na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía.

A metástase é o proceso polo que un tumor que aparece nun órgano migra a outro e o coloniza. No caso do cancro colorrectal, o terceiro máis común no mundo, o fígado corre un risco especial de ser infectado polas células tumorais desprendidas do intestino. No proceso de colonización, o cancro provoca a creación de novos vasos sanguíneos no fígado para surtir as células malignas dos recursos necesarios para crecer. Ese proceso de formación de vasos sanguíneos denomínase anxioxénese e é levado a cabo polas células endoteliais, que neste caso ven alterada a súa función normal en organismos sans para favorecer a proliferación do cancro.

A terapia experimental gañadora do premio da RAGC, testada xa in vivo, baséase no uso de nanopartículas para frear o crecemento dos vasos sanguíneos que chegan ás células tumorais de maneira que se reduce a subministración de osíxeno e alimentos a esas células. Estas nanopartículas, patentadas recentemente nos Estados Unidos e para as que se agarda a concesión en Europa, son capaces de viaxar ao lugar exacto onde precisan ser administradas, é dicir, funcionan como vehículos de terapias diana. Neste caso, van cargadas de moléculas denominadas miR-20a, capaces de restablecer a función normal das células endoteliais para que deixen de contribuír en gran medida á proliferación do cancro no fígado.

O equipo galardoado co premio, dotado con 6.000 euros, integra científicos do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC; do grupo Signaling Lab da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; do Centro de Investigacións Médico-Biolóxicas da Universidade de Düsseldorf (Alemaña); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (INSERM).

Universidade de Santiago de Compostela, 2019-01-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES