Notas de prensa

A Praza da Fábrica de Tabacos da Coruña acollerá desde este mes o pavillón Tribuna Pública, un espazo de reflexión social e cultural

​A explanada da Fábrica de Tabacos albergará dende o mes de decembro unha instalación temporal, denominada Tribuna Pública, un espazo aberto para a participación, a exhibición e o intercambio de iniciativas artísticas, culturais e sociais sobre os terreos dos portos interiores da cidade e os seus futuros usos.

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, o edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e o xestor cultural responsable da coordinación do espazo, Juan de Nieves, presentaron esta mañá a iniciativa, que se abre esta fin de semana cun programa de actividades previo á instalación do pavillón.

“Con esta proposta tratamos de levar ao espazo público o debate do grande reto que temos como cidade arredor do bordo litoral, tratamos de seguir contribuíndo ao desafío colectivo que temos”, manifestou Delso. A edil explicou que, con Tribuna Pública, o Goberno local busca continuar implicando á cidadanía e “facéndoa partícipe deste proceso de decisión” para o que é preciso, dixo, “sumar saberes, debates, liñas de traballo e memoria colectiva porque non se resolve nos despachos, senón de xeito colectivo, abordando a complexidade da cuestión e con madurez democrática”. Delso enmarcou esta nova actividade dentro do traballo transversal do Goberno local respecto do bordo litoral no que, como lembrou, se realizou en primeiro lugar unha “investigación na que se contou con diferentes axentes da cidade, as súas conclusións compartímolas no foro cidadá Tecendo Litoral e o resultado deste encontro foron as bases do concurso de ideas que lanzou Rexeneración Urbana e no que se está dilucidando os proxectos seleccionados para o futuro destes terreos”. Esta planificación continúa agora co espazo Tribuna Pública, no que “a creación se suma á investigación previa”, como resumiu o edil de Culturas.

Sande incidiu que Tribuna Pública, na que tamén se conta coa colaboración da Fundación Luís Seoane, ofrecerá “unha programación sociocultural e un espazo referencial cunha reivindicación social que o respalda para concienciar á cidadanía sobre esa necesaria implicación a respecto da recuperación dos terreos portuarios”.

Para iso, o pavillón temporal converterase “nun reclamo dende o que estimular o pensamento e tamén nun espazo independente para dar voz a toda a xente que queira exercitar o seu dereito a falar”, tal e como explicou De Nieves, que insistiu na necesidade de que a estrutura da praza de Tabacos sirva para “falar con todo tipo de voces independentes, de asociacións, de veciños e veciñas, de colectivos de todo tipo de reivindicacións vinculadas ao porto”. Así, o coordinador
avanzou que Tribuna Pública acollerá colaboracións coa Universidade da Coruña e a Universidade Sénior, fará contribucións ás festas populares, organizará encontros con xente moza, asociacións veciñais e outras entidades do tecido da cidade en diferentes sectores e ámbitos e albergará actividades culturais, entre outras accións. “Unha das primeiras actividades que se realizarán o ano que vén será a presentación, con exposicións orais, dos cinco proxectos seleccionados dentro do concurso de ideas sobre os terreos portuarios que está tendo lugar”, avanzou.

Programa inaugural

A presentación ante a cidadanía de Tribuna Pública terá, como anticipo, un programa social e artístico o día 8, na propia explanada da Fábrica de Armas, na que a mediados de mes se levantará a estrutura temporal que acollerá múltiples actividades nos vindeiros meses. O sábado pola mañá, ás 12.00 horas, terá lugar un faladoiro público titulado ​Dar voz á cidadanía ​no que intervirán os mariñeiros Iago García e Javier Mariñas, o arquitecto e urbanista Xosé Lois Martínez, a actriz Isabel Risco, a cigarreira xubilada Lola Rodríguez e o veciño dos Castros Emilio Vega.

Durante a tarde están programadas dúas actividades. A primeira, ás 17.00 horas, titúlase Facerche Xustiza: Cofedrama​, a cargo do artista e pensador Javier Peñafiel, que fará un percorrido sobre os espazos que rodean a praza, tanto a Fábrica de Tabacos como o porto, “unha actuación a medio camiño entre a performance e o discurso que ten como referencia os usos perversos da linguaxe nos ámbitos de poder”. Ãs 20.00 horas, terá lugar o espectáculo de danza e música electrónica ​Anthesis​, da man de Javier Martín na parte da coreografía e Artur M. Puga na parte musical. O domingo 9 a mediodía, ás 13.00 horas, o público poderá asistir a unha segunda peza coreográfica de Javier Martín, ​Púlsar​, no que estará acompañado á batería por Luis Casanova.

Concello da Coruña, 2018-12-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES