Notas de prensa

PuntoGal organiza durante o Culturgal un concurso sobre banda deseñada con Kiko da Silva

A Asociación PuntoGal acudirá por quinto ano consecutivo á Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se celebra entre os días 30 de novembro e 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nesta ocasión, o dominio realizará un concurso sobre banda deseñada en colaboración con Kiko da Silva e presentará a súa colaboración en proxectos de localización de software en galego.

O stand de PuntoGal na edición deste ano da feira é o número 63, lugar onde se ofrecerá información sobre o dominio. As persoas que se acheguen por alí poderán conseguir agasallos do dominio e de Gadis, que colabora unha vez máis coa asociación neste evento cultural.

PuntoGal e o debuxante de banda deseñada Kiko da Silva organiza un concurso para pequenos e grandes durante a feira. O ilustrador preparou unha historia na que faltan os diálogos, protagonizada pola súa personaxe Mario O bolseiro. Aqueles que desexen participar poden recoller no stand do dominio, ou descargar da súa páxina web, a historia ideada por da Silva, completar as cinco escenas, cubrir os seus datos e entregala no stand ou enviala por correo electrónico a info@dominio.gal. As bases poderán consultarse en www.asociacion.gal.

Entre todos os participantes PuntoGal sorteará, en colaboración con Gadis, unha tablet e unha smart box. Ademais, Kiko da Silva e o dominio elixirán a mellor historia, que recibirá outra tablet, un lector Kindle, unha smart box e o seguinte lote de publicacións: O inferno do debuxante, Que contan as ovellas para durmir, Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis e Moncho e mancha. Igualmente, a escola de banda deseñada O Garaxe Hermético aporta un lote de tres álbumes creados polos seus alumnos, que formará parte do segundo premio. Finalmente, haberá un premio especial para menores de idade. O periodo de participación no concurso empeza coa inauguración da feira e remata o domingo, día 2 de decembro, ás 20:00 horas. Os gañadores faranse públicos nos seguintes días.

Kiko da Silva estará no stand de PuntoGal o venres, día 30 de novembro, ás 18:30 horas. O autor é fundador da mencionada primeira escola profesional de banda deseñada e de ilustración de Galicia, O Garaxe Hermético, onde traballa como mestre. Igualmente, dirixe a revista Retranca, colabora con diversas publicacións e é autor da serie Fiz nos biosbardos ou de O inferno do debuxante, obra coa que gañou o premio Castelao no ano 2014.

Firefox en galego

Durante a feira, PuntoGal presentará tamén a súa nova liña de colaboración en proxectos de localización de software en galego e de ferramentas TIC útiles para a comunidade. Neste caso, fíxose un proxecto piloto para patrocinar a tradución e mellorar as ferramentas do navegador Firefox. En colaboración co coordinador das traducións ao galego en Mozilla, Enrique Estévez, e co Proxecto Trasno, que agrupa aos tradutores ao galego de proxectos de software libre, PuntoGal propiciou a posta ao día completa da última versión do navegador (v65), tradución que manteñen voluntarios da comunidade, para que poida ser utilizada en galego.

Deste xeito, recuperouse o 100% da interface incluíndo parte das súas funcionalidades que nunca fora posible ter adaptadas aos galegofalantes, obtívose unha memoria de tradución que será reutilizable publicamente, traduciuse o instalador para o sistema operativo Microsoft Windows, as páxinas informativas desta versión e a integración do corrector ortográfico de galego tamén na súa última versión (a 18.04). A presentación desta iniciativa terá lugar no Espazo Foro de Culturgal o sábado, día 1 de decembro, ás 13:30 horas.
Nos vindeiros meses, o dominio activará novos proxectos destas características en colaboración con persoas e entidades vinculadas á rede en Galicia. Anteriormente, o dominio xa puxo en marcha un acurtador (i.gal) e un sistema de envío de arquivos (velaquí.gal) en colaboración coa dinahosting.
PuntoGal alcanzou esta mesma semana ós 4.900 dominios rexistrados. O aumento dos últimos días débese en parte á campaña lanzada con motivo da Mobile Week.

Puntogal, 2018-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) A xornada, á que asisten representantes de alto nivel das diferentes rexións membro da Vanguard, celébrase en Cracovia coincidindo coa presidencia polaca do Consello da Unión Europea. No encontro debateuse arredor das prioridades para 2025 e de futuras actuacións da alianza co obxectivo de impulsar a innovación e a competitividade europea. Ademais, con esta reunión preténdese amplificar a voz dos actores rexionais en asuntos clave da política europea e garantir así que as prioridades rexionais estean ben representadas a nivel europeo.
Foto de la tercera plana (meirasland.jpg) O festival Meirasland incorpora este ano a música electrónica á oferta dos Concertos do Xacobeo. A segunda edición desta cita que terá lugar o próximo 9 de agosto no campo da festa do Porto, en Meirás. Entre os primeiros nomes confirmados do evento destacan Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento e o DJ compostelán Kike Varela. Ademais da vertente musical, a oferta do festival incluirá foodtrucks, zonas de descanso e actividades paralelas para todos os públicos.

Notas

A Alameda de Santiago será esta fin de semana o escenario de Compos(tech)la, un dos múltiples eventos do proxecto Santiago en Vivo para fortalecer o tecido empresarial e dinamizar a economía. A feira tecnolóxica contará co protagonismo da Universidade de Santiago, que levará durante o sábado e o domingo ao parque compostelán algúns dos seus centros de investigación e servizos.
Coordinado pola UVigo e financiado polo programa comunitario Jean Monnet, o proxecto RightsEU buscar achegar ao profesorado de FP unha formación específica sobre a Unión Europea, que poña o foco nos dereitos sociais e laborais da cidadanía, coa idea que as e os docentes poidan posteriormente implantar os principios e dereitos sociais e europeos nos seus programas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES