
Xunto á organización de microcursos e talleres, o proxecto coordinado pola profesora da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Emma Rodríguez comprende tamén a celebración de seminarios como o que o xoves 12 e venres 13 de xuño terá lugar na Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Baixo o título de La igualdad y la no discriminación como vector de referencia en la construcción de la Unión Europea, este foro académico contará coas intervencións dunha vintena de especialistas en Dereito do Traballo, procedentes de 15 universidades de seis países.
O seminario reunirá especialistas, investigadores e profesionais do ámbito xurídico, tanto nacionais como internacionais, co fin de reflexionar sobre o papel dos dereitos sociais no emprego e o seu impacto na cohesión europea, destaca a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, integrante do comité organizador. Trátase do primeiro dos tres seminarios que se desenvolverán no marco deste proxecto europeo e nel analizaranse os avances normativos, os desafíos persistentes e as boas prácticas en materia de igualdade e non discriminación dentro do marco da UE. Aberto ao público, este foro permitirá afondar nos aspectos tratados ata agora no proxecto, reflexionando sobre os dereitos sociais no emprego, desde a perspectiva da igualdade e non discriminación, engade a integrante do grupo de investigación en Dereito Mercantil e do Traballo, contribuíndo nese senso á formación dos máis de 40 profesores e profesoras de FP participantes en RightsEU, co propósito de que poidan incorporar estes aspectos "aos seus programas docentes.
Catro mesas de debate
O seminario poderá seguirse tanto de xeito presencial como virtual e reunirá unha vintena de expertos e expertas nas súas catro mesas de debate. Xunto a investigadores e investigadoras de dez universidades españolas, estes catro paneis contarán coa participación do profesor da Università degili Studi de Roma Stefano Bellomo, da investigadora da Union University Law School de Belgrado Mila Petrovic, da profesora da Cornell University Risa Lieberwitz e da directora de investigación do Centro de Dereito Comparado do Traballo da Seguridade Social da Universidade de Burdeos, Isabelle Daugareilh.
O seminario arrancará cunha sesión dirixida a afondar na evolución das políticas europeas en materia de dereitos sociais e emprego, desde os tratados constitutivos da antiga Comunidade Económica Europea, ata os principios recollidos no Pilar Europeo de Dereitos Sociais de 2017. O segundo dos paneis porá o foco na igualdade no dereito laboral, sumando ás achegas dos académicos e académicas a visión do maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia José Fernando Lousada. Xa pola tarde, a última das mesas programadas para a primeira xornada afondará en como a discapacidade pode constituír un factor de vulnerabilidade no acceso e permanencia no mercado de traballo.
Na mañá do venres 13, o cuarto dos paneis, moderado pola porfesora da Universidade Católica Portuguesa Catarina de Oliveira, estará centrado na corresponsabilidade nas políticas de emprego comunitarias. A continuación, terá lugar un obradoiro interactivo dirixido aos e ás participantes no proxecto, así como a presentación de comunicacións.
Maria Emilia Casas e o secretario de Estado de Traballo na clausura
Tamén o venres 13, a conferencia de clausura correrá a cargo da catedrática María Emilia Casas, primeira muller que presidiu o Tribunal Constitucional, que o pasado mes de outubro era investida doutora honoris causa da Universidade de Vigo. O seu relatorio verase sucedido por un acto de clausura que contará coa participación do secretario de Estado Joaquín Pérez Rey, do Ministerio de Trabajo y Economía Social, mentres que o acto inaugural do xoves 12 sumará ás intervencións das e dos responsables académicos as de Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, e Marcial Méndez, membro do Gabinete do Secretario Xeral do Comité Europeo das Rexións.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.