Notas de prensa

O Nobel de Química Jean-Pierre Sauvage dará unha conferencia en Santiago sobre as máquinas moleculares

O Premio Nobel de Química en 2016, Jean Pierre-Sauvage, pronunciará este xoves 29 unha conferencia sobre máquinas moleculares en bioloxía e en química. Precisamente foi ese o traballo polo que conseguiu o premio da Academia xunto con Sir J. Fraser Stoddart e Ben Feringa, unha investigación que abriu o camiño para a revolución nanotecnolóxica.

O relatorio, de entrada libre e con tradución simultánea, será ás 20.00 horas no Auditorio ABANCA. O acto enmárcase nas actividades do Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago de Compostela, e conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Jean-Pierre Sauvage, profesor e investigador na Universidade de Estrasburgo (Francia), completou o seu doutoramento na Universidade Louis-Pasteur en Estrasburgo en 1971 baixo a supervisión de Jean-Marie Lehn, describindo as primeiras síntese de criptos, que son moléculas bi e policíclicas sintéticas que se unen a un átomo de metal central. Foi profesor en Estrasburgo de 1981 ata 1984 e director de investigación no CNRS de 1979 a 2009, cando se converteu en director emérito.

Un campo con moito futuro

Savage, un dos pioneiros da química supramolecular, publicou en 1983 a primeira síntese eficiente das moléculas cíclicas entrelazadas denominadas "catenanos". Estas moléculas foron a base dunha das primeiras máquinas moleculares nas que o movemento dos aneis de catenano foi controlado a través de medios electroquímicos e fotoquímicos. Seguindo enfoques similares, o seu grupo produciu en 2000 unha estrutura de rotaxano que pode estenderse e contraerse como un filamento muscular. A súa outra investigación inclúe a modelización do centro de reacción fotosintético e a redución do CO2 por medios electroquímicos.

O Premio Nobel tivo esta mañá un encontro cos medios de comunicación no que estivo acompañado do catedrático de Electromagnetismo e coordinador de ConCiencia, Jorge Mira, e do catedrático de Química Orgánica José Luis Mascareñas, ambos os dous da USC. Este último salientou do científico francés o seu traballo pioneiro no descubrimento de maneira artificial de máquinas moleculares “cando todo o noso corpo, a nosa natureza, está cheo delas”. A súa investigación é en si mesma, dixo, “unha revolución polas moitísimas aplicacións que van poder ter”.

No encontro cos medios, Sauvage recalcou que traballa en ciencia básica, “que é a orixe de todo: da medicina, das novas tecnoloxías; en definitiva, de todo aquilo que nos proporciona un maior benestar”. A investigación en máquinas moleculares está comezando, explicou, “e así como hoxe poden verse poucas aplicacións estou seguro de que no futuro será esencial, por exemplo, no campo do procesado e almacenamento de información e na nanomedicina”.

Universidade de Santiago de Compostela, 2018-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) A xornada, á que asisten representantes de alto nivel das diferentes rexións membro da Vanguard, celébrase en Cracovia coincidindo coa presidencia polaca do Consello da Unión Europea. No encontro debateuse arredor das prioridades para 2025 e de futuras actuacións da alianza co obxectivo de impulsar a innovación e a competitividade europea. Ademais, con esta reunión preténdese amplificar a voz dos actores rexionais en asuntos clave da política europea e garantir así que as prioridades rexionais estean ben representadas a nivel europeo.
Foto de la tercera plana (meirasland.jpg) O festival Meirasland incorpora este ano a música electrónica á oferta dos Concertos do Xacobeo. A segunda edición desta cita que terá lugar o próximo 9 de agosto no campo da festa do Porto, en Meirás. Entre os primeiros nomes confirmados do evento destacan Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento e o DJ compostelán Kike Varela. Ademais da vertente musical, a oferta do festival incluirá foodtrucks, zonas de descanso e actividades paralelas para todos os públicos.

Notas

A Alameda de Santiago será esta fin de semana o escenario de Compos(tech)la, un dos múltiples eventos do proxecto Santiago en Vivo para fortalecer o tecido empresarial e dinamizar a economía. A feira tecnolóxica contará co protagonismo da Universidade de Santiago, que levará durante o sábado e o domingo ao parque compostelán algúns dos seus centros de investigación e servizos.
Coordinado pola UVigo e financiado polo programa comunitario Jean Monnet, o proxecto RightsEU buscar achegar ao profesorado de FP unha formación específica sobre a Unión Europea, que poña o foco nos dereitos sociais e laborais da cidadanía, coa idea que as e os docentes poidan posteriormente implantar os principios e dereitos sociais e europeos nos seus programas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES