Notas de prensa

O concerto do grupo Capella Sancta Maria na ex-colexiata de Baiona, nova proposta de espazos sonoros 2018

Espazos Sonoros, o festival de músicas en espazos de interese cultural, continúa o seu traxecto para ofrecer propostas diferentes a un público amplo. Este sábado trasládase á igrexa de Santa María, ex-colexiata de Baiona, co grupo Capella Sancta Maria, un dos conxuntos vocais profesionais europeos máis recoñecidos, especializado en música do Renacemento.

A directora artística do programa, Belén Bermejo, destaca que esta formación, dirixida polo coruñés Enrique López-Cortón e con base en Ámsterdam, se caracteriza polo seu cadro internacional de cantantes consagrados de primeira liña. O concerto é unha viaxe no tempo ata a época na que se introduce o estilo franco-flamengo na península Ibérica, a través de Cristóbal de Morales. O título do concerto, Tristezas me matan, está tomado dunha canción anónima na que se basea unha das primeiras misas do sacerdote e mestre de capela andaluz, unha peza practicamente esquecida, que podería ter neste concerto a súa “reestrea” en tempos modernos. Xunto con pezas de Morales, serán interpretadas obras do seu mestre Josquin de Prés e do seu coetáneo Nicolas Gombert.

Capella Sancta Maria ofrece “un son cálido e, ao tempo, apaixonado nas súas interpretacións”, para lles dar vida a unhas músicas afastadas no tempo, pero próximas “na sensibilidade e serenidade que transmiten”. A igrexa de Santa María de Baiona, de estilo cisterciense, empezouse a construír no século XIII e foi colexiata entre os séculos XV e XIX. A súa beleza e a acústica do templo fan dela un lugar único para gozar desta nova proposta de Espazos Sonoros.

Tras o seu paso pola illa de Sálvora e O Grove na xornada inaugural e, o pasado domingo, polo campamento romano da Ciadella, onde actuou o grupo Sax Antiqua, Espazos Sonoros prepara xa a xornada do día 15, unha oferta literaria e de lecer arredor da figura de Otero Pedrayo. A cita vai ser no que fora o fogar do escritor, a Casa Grande de Trasalba, en Amoeiro (Ourense) e para o roteiro literario, que require inscrición previa, non quedan xa prazas dispoñibles. A música correrá a cargo do M.Sancho Quartet e para o concerto a entrada é libre ata completar a capacidade.

A programación completa da undécima edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal.

Espazos Sonoros, 2018-09-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES