Notas de prensa

Compostela reúne estes días grandes mestres do xadrez internacional

Ata o 13 de setembro terá lugar en Santiago un evento no que algúns dos mellores xadrecistas galegos terán a oportunidade de enfrontarse a destacadas figuras mundiais co obxectivo de acadar os títulos de Mestre e Gran Mestre Internacional. O I Torneo Maxistral Cidade de Compostela pretende converterse nunha cita de referencia no xadrez galego, que permita aos nosos xogadores medirse con figuras da elite mundial e poder acadar os títulos de máis alto rango concedidos pola Federación Internacional de Xadrez.

A competición celebrarase na Sala de Usos Múltples do Colexio de Fonseca (antigo comedor), con entrada habilitada para os espectadores dende os xardíns de Fonseca o día 5 a partir das 14.00 horas, do 6 ao 12 a partir das 16.30, e o día 13 a partir das 9.30 horas. Tamén retransmitirase en liña a través da páxina https://chess24.com/es cos comentarios en directo do Grande Mestre galego David Lariño.

O torneo está deseñado en formato pechado, no que dez xogadores loitarán entre eles en sistema liga, é dicir, todos contra todos. En relación aos xogadores galegos, os Mestres Internacionais Roi Reinaldo, Julio Suárez e o compostelán Diego Suárez competirán por acadar norma de Grande Mestre, para o que precisarán facer 6,5 puntos nas 9 partidas do torneo. Pola súa banda, os Mestre FIDE composteláns Luís Medarde e Fernando Sánchez farán o propio pola norma Mestre Internacional, o que lograrán sempre e cando cheguen aos 4,5 puntos.

Entre os xogadores convidados pola organización destacan catro Gran Mestres: o arxentino Sandro Mareco, situado entre os 100 mellores xogadores do mundo; o Gran Mestre Illmars Starotsis, campión absoluto de Letonia en 2002 e membro da selección olímpica letona; o rumano Marius Manolache e o arxentino Fernando Peralta, actual campión absoluto arxentino en 2018. A nómina de xogadores complétase co novo e talentoso xogador asturiano Carlos Suárez, que loitará tamén pola norma de Gran Mestre Internacional.

O Maxistral Cidade de Compostela que organiza a USC conta co apoio do Concello de Compostela, de Galicia Calidade, da Caixa Rural e da Federación Galega de Xadrez. Os seus representantes acompañaron esta mañá ao reitor compostelán, Antonio López na presentación da competición. Así, estiveron o alcalde da cidade, Martiño Noriega; os presidentes da Federación Galega e Española de Xadrez, Gaspar Pérez e Javier Ochoa, respectivamente; e o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela. Asistiu ademais a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.

O xadrez na USC

Que a competición se desenvolva na USC non é casualidade, xa que esta universidade conta dende hai máis de corenta anos cun club de xadrez e dende 1988 cunha escola, cuns resultados excelentes nos campionatos de España universitarios, que hoxe colocan á compostelá no posto de subcampioa.

I Torneo Maxistral Cidade de Compostela, 2018-09-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES