Notas de prensa

Máis de 1400 persoas participarán no Descenso Internacional e no Popular o sábado 18 de agosto

O río Miño será o protagonista o próximo sábado, 18 de agosto, en Tui coa celebración do 47º Descenso Internacional do Miño e o 8º Descenso Popular do Miño organizado polo Club Kaiak Tudense Axuda Paramos, o Concello de Tui e a Federación Galega de Piragüismo. As dúas probas reunirán a máis de 1400 padeeiros batendo todo un récord de participación a catro días de que se peche a inscrición.

Será a primeira vez que se celebren co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia. Estes eventos foron presentados esta mañá na rúa Olímpicos Tudense, a carón do río, onde estará a chegada dos dous descensos. O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, sinalou que esta declaración de Festa de Interese Turístico pon de relevo a importancia que a proba ten na cidade. Ao tempo expuxo que se trata dunha competición espectacular polo atractivo de natureza que presenta, e por combinar un descenso popular e o internacional. Afirmou amais que dende o Concello entende que o Descenso é unha proba a potenciar.

No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Deportes, Eduardo Freiría, sinalando que o Concello sempre apoiará o descenso buscando maior atracción, e aludiu ao novo cariz que adquire a proba coa declaración de Festa de Interese Turístico Galego e reunindo a dimensión lúdica e a popular.

O presidente do Club Kaiak Tudense, Diego Piña, foi o responsable de dar os datos técnicos das dúas probas. O Descenso Popular, que sairá ás 16h dende Caldelas, baterá récord de participación xa que até o momento hai 830 inscricións. Mentres no Internacional, cuxa saída será ás 18.30h dende terra en Salvaterra reunirá a 600 padeeiros. Entre os favoritos á vitoria destacou a Amaia Osaba, que gañou en até 7 ocasións no Miño, que será unha dura rival para as padeeiros locais Tania Fernández e Ana Varela. No k2 está pendente de confirmar a participación do K2 do Tudense Emilio Llamedo e Pedro Vázquez, que se impuxeron no Sella na fin de semana. En c1 Manu Garrido é o favorito, e en k1 parte con opción Aaron Diéguez que terá coma rival a Franco Balboa.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, manifestou que o Descenso do Miño está marcado en vermello nas regatas da Liga Galega de Piragüismo pola súa importancia. Indicou que o Descenso do Miño supera ao Descenso do Sella en calidade, a nivel de barcos e de nomes de padeeiros que participan. Tamén deu conta do bo momento que rexistra este deporte con 4.500 licenzas deportivas este ano, e excelentes resultados citando coma exemplo que no Mundial haberá 17 galegos en modalidades olímpicas.

O xefe do servizo de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, quen excusou a asistencia da secretaria xeral para o Deporte, e apuntou coma o 18 de agosto será un día grande para o piragüismo que vai pór a Tui no mapa unha vez máis, sendo un referente deportivo a nivel galego.

A deputada de Deportes, Chelo Besada, apuntou coma ao través do deporte se logran que se coñezan as vilas e cidades da provincia, coma acontecerá o próximo sábado 18 de agosto en Tui. Aludiu a importancia desta proba deportiva na que os participantes terán o pracer de descender polo río Miño.

Durante a xornada do sábado 18, e baixo o título de “Festa do Miño” están previstas outras actividades que serán presentadas este venres.

Concello de Tui, 2018-08-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES